Saltar ao contido

Pragmática

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pragmáticos»)

A pragmática é un subcampo da lingüística adicado ao estudo do modo en que o contexto inflúe na interpretación do significado. O contexto debe entenderse como situación, xa que pode incluír calquera aspecto extralingüístico. A deíxe é unha expresión usada para referirse a estes aspectos extralingüísticos cuxa interpretación pode variar dependendo de determinados factores que forman parte do contexto.

Referencia e inferencia

[editar | editar a fonte]

A referencia é un acto realizado por un comunicante que envía unha mensaxe (xa sexa falada, escrita ou mediante outros códigos lingüísticos) para identificar algo. Para este fin utiliza determinadas expresións. Así e todo, a inferencia é un acto que debe ser realizado polo receptor da mensaxe (oínte, lector...) para interpretar correctamente a referencia. As palabras en si non refiren, senón que o que refire é quen as emprega.

Principio cooperativo

[editar | editar a fonte]

O principio cooperativo, tamén coñecido como Máximas de Grice foi redactado polo filósofo Paul Grice co propósito de describir as regras pragmáticas que rexen a conversación en linguaxe natural.

Máxima de cantidade
O emisor dá tanta información como sexa necesaria, nin máis nin menos.
Máxima de calidade
Veracidade: O comunicante dá información que considera verdadeira.
Máxima de pertinencia
O emisor cínguese ao asunto sobre o cal está comunicando. É dicir, non mexa fóra de testo.
Máxima de xeito
O emisor é claro e ordenado nas súas expresións.
Evita ambigüidades ou expresións que poidan ser inintelixibles.

Porén, con frecuencia estas máximas non se cumpren. De feito, adóitanse romper de forma intencionada para transmitir información de forma non literal (mediante a ironía, por respecto etc.)

Implicaturas

[editar | editar a fonte]

As implicaturas son significados adicionais que o receptor dunha mensaxe infere cando o emisor parece estar violando unha das máximas do principio cooperativo.

Actos de fala

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Acto de fala.

O filósofo inglés J. L. Austin, elaborou nos anos sesenta unha teoría que se coñece como Teoría dos Actos de Fala. Nela defende que falar non é soamente "informar" senón tamén "realizar" algo. A proposta foi coñecida a través do seu libro (publicado por primeira vez en 1962) How to do things with words. A súa postura ía en contra das aproximacións máis tradicionais que vían a linguaxe en función da mera transmisión de información. Centrouse no estudo dos que denominou verbos "performativos" como prometer, demandar, xurar, acusar etc. Para Austin, o acto de fala ten tres niveis, ou se realiza a través de tres actos conxuntos, o acto locutivo, que consiste en enunciar a frase en cuestión, o acto ilocutivo, que consiste en levar a cabo algo a través das palabras (prometer, ameazar, xurar, declarar) e o acto perlocutivo que consiste en provocar un cambio no estado de cousas ou unha reacción no interlocutor.

Moitos investigadores continuaron traballando coa teoría de actos de fala. O máis destacado foi un discípulo de Austin, John Searle.

Presuposicións

[editar | editar a fonte]

As presuposicións, segundo Strawson, son un tipo de inferencia pragmática baixo as seguintes condicións:

A presupón a afirmación B se, e soamente se B é unha precondición da certeza ou falsidade de A (Levinson 1984:172).

O símbolo >> emprégase para expresar a relación de presuposición. De tal forma que «a >> b», significa «a presupón b».

Presuposicións existenciais

[editar | editar a fonte]

Infírense de expresións posesivas ou determinativas xa que en calquera delas se asume a existencia do expresado polo emisor. Por exemplo:

a. A nosa bicicleta.
b. Nós temos unha bicicleta.
c. a. >> b.
a. O neno está xogando.
b. Existe un neno.
c. a >> b