Portal:Suecia/Biografía destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Carl Linnaeus, (en sueco: Carl Nilsson Linnæus, latinizado como Carolus Linnaeus, tamén coñecido logo do seu ennobrecemento como Carl von Linné), nado o 23 de maio de 1707 en Råshult, na provincia de Småland, Suecia, e finado o 10 de xaneiro de 1778 en Uppsala, foi un científico, médico, botánico e zoólogo sueco que estableceu os fundamentos para o esquema moderno da nomenclatura binomial. É recoñecido como «o pai da taxonomía moderna» e fundador da bioxeografía vexetal. Linné introduciu o concepto de «economía natural» para argumentar como os organismos, creados por "Deus", se organizan entre si e contribúen ao perfecto funcionamento da natureza; e o cal foi das primeiras nocións da ecoloxía.

Linné realizou unha gran parte dos seus estudos superiores na Universidade de Uppsala e, cara a 1730, empezou a dar conferencias de botánica. Viviu no estranxeiro entre 1735-1738, onde estudou e publicou unha primeira edición da súa Systema Naturae nos Países Baixos. De volta a Suecia converteuse en profesor de medicina e de botánica en Uppsala. Durante a década de 1740, realizou varias expedicións a través de Suecia para colleitar e clasificar plantas e animais. Durante as décadas de 1750 e 1760, continuou recollendo e clasificando animais, plantas e minerais, publicando varios volumes sobre o tema. No momento da súa morte, era recoñecido como un dos científicos máis importantes en toda Europa. É considerado heroe nacional de Suecia.

En botánica, a abreviación de autor usada para indicar a Linné como autoridade para os nomes de especies é L. É considerado heroe nacional de Suecia.