Portal:Serbia/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Serbia (en serbio: Србија/Srbija) é un país pechado ó mar situado no centro e no sueste de Europa, ocupando a parte sur da chaira panónica e a parte central da península balcánica. O país fai fronteira con Hungría polo norte, Romanía e Bulgaria polo leste, Albania e Macedonia do Norte polo sur e con Montenegro, Croacia e Bosnia e Hercegovina polo oeste. A súa capital é Belgrado.

A actual Serbia foi creada en 1817 trala Segunda revolta serbia. Máis adiante, o país estendeu as súas terras cara o sur ocupando o actual Kosovo, a rexión de Rascia e parte da rexión de Macedonia (en 1912). En 1918 a antiga provincia autónoma da Voivodina proclamou a súa secesión do Imperio Austrohúngaro uníndose á Serbia nese mesmo ano. As fronteiras actuais do país establecéronse trala Segunda Guerra Mundial, cando a Serbia se converteu nun estado federal dentro da República Federal Socialista de Iugoslavia. Serbia tornouse de novo un estado independente no 2006, trala ruptura de Montenegro coa unión formada trala disolución da Iugoslavia na década dos 90.