Portal:Pontevedra/Lugar de interese/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Basílica de Santa María a Maior é unha das igrexas parroquiais de Pontevedra. Foi consagrada como basílica o 10 de xaneiro de 1962 por Xoán XXIII.

Este templo substitúe outro anterior. A parroquia de Santa María a Maior é a igrexa matriz de Pontevedra, aparecendo documentada xa antes da concesión do foro de vila en 1169. Daquel templo consérvanse o San Pedro da contraportada occidental e o pantocrátor da clave dunha capela da nave do evanxeo.

A súa construción comezou na segunda década do século XVI, dirixindo as obras o mestre Juan de Cuetos. A fachada, contratada en 1541 a Cornelis de Holanda e Xoán Nobre, comezou a construírse en 1544. Dado que boa parte do financiamento proviña do Gremio de Mareantes, en 1551 paralizáronse as obras debido á escaseza de sardiña. En 1559 pecháronse as bóvedas, e en 1570 pechouse o coro. A torre das campás aínda tardaría bastante en ser rematada. O retablo, rematado en 1623, foi derrubado e substituído a comezos do século XX.