Portal:Pobos indíxenas de América/Lugar de interese/7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nunavut (en inuktitut: ᓄᓇᕗᑦ, A nosa terra), é o maior e máis recente dos Territorios Autónomos do Canadá, situado ao Nordeste do país, entre Groenlandia ao Leste, Manitoba ao Sur, e os Territorios do Noroeste ao Oeste, territorio do que se saíron o 1 de abril de 1999, de acordo cos lindeiros fixados previamente en 1993. As devanditas fronteiras recoñecían a soberanía de Nunavut sobre case todas as illas árticas do Canadá (Ellesmere, Baffin, Devon, Southampton e a metade oriental de illa Victoria e a de Melville), así como sobre a zona costeira central do Canadá sobre o Océano Ártico e todas as illas da Baía de Hudson.

Desde 1996, ano en que se produciron disturbios entre o exército canadense e varios pobos inuit (tamén chamados esquimós), como os oka, ipperwash e nativos de Gusafsen Lake, empezábase a advertir a arela destes pobos inuit por lograr unha maior autonomía para o territorio. Tras a recomendación que facía un informe da Comisión Real do Canadá sobre a conveniencia de conceder maior autonomía aos pobos aborixes do Canadá, esta chegou de forma efectiva a mediados de 1999.

O territorio posúe unha superficie de 2.093.190 km², da cal o 7,5% corresponde a augas interiores. A súa poboación é duns 29.300 habitantes, repartidos en case unha trintena de aldeas ou poboacións menores. Unha delas é Iqaluit, a capital, situada na illa de Baffin, anteriormente denominada Frobisher Bay.