Portal:Perú/Lugar de interese/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O lago Titicaca, con cerca de 8300 km², é o maior lago de América do Sur. Situándose a 3821 m por enriba do nivel do mar, é o máis alto lago comercialmente navegábel do mundo. Localizado no altiplano dos Andes, na fronteira do Perú e Bolivia, ten unha profundidade media de 140 a 180 m, e unha profundidade máxima de 280 m. A súa orixe débese á recesión dos glaciares e á formación no Plistoceno Inferior dunha fosa tectónica que ocupou o actual Titicaca. Máis de 25 ríos desaugan no lago Titicaca, e o lago ten 41 illas, algunhas densamente poboadas.

O Titicaca é interesante pola poboación que viven nos Uros, un conxunto de nove illas artificiais, que se converteron nunha grande atracción turística no Perú, traendo excursións dende a cidade de Puno, no Perú. Outra illa, Taquile, é outra grande atracción turística, presentando unha comunidade indíxena. Os habitantes de Taquile son coñecidos polos seus produtos téxtiles feitos á man, considerados entre as manufacturas de mellor cualidade do Perú.

O lago Titicaca é alimentado pola auga das chuvias e polo desxeo dos glaciares que rodean o altiplano. É fonte do río Desaguadero, que corre para o sur a través de Bolivia até o Lago Poopó; no entanto, este afluente é responsábel polo menos do cinco por cento da perda de auga, o resto evapórase debido aos ventos intensos e á exposición extrema á luz do Sol nesta altitude.