Portal:Países Baixos/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Países Baixos (en neerlandés: Nederland) é un dos países constituíntes do Reino dos Países Baixos que abrangue a súa parte europea e os municipios especiais de Bonaire, Saba e San Eustaquio. Localizado no noroeste de Europa, limita ó norte e ó oeste co mar do Norte, ó leste con Alemaña e ó sur con Bélxica. Aínda que Holanda é en orixe o nome de dúas das súas provincias, Holanda Setentrional e Holanda Meridional, nalgunhas linguas como é o caso do galego pasou a ser a forma usual de se referir a todo o país, en holandés pola contra Holland só se usa para se referir a esas dúas provincias.

O país é un dos máis densamente poboados do mundo, e tamén está entre os de altitude media máis baixa (un cuarto do seu territorio está baixo o nivel do mar, a quen foi gañado mediante a construción de diques). Os neerlandeses son coñecidos polos seus diques, os seus tulipáns, os seus muíños e a súa tolerancia social. As políticas liberais que rexen a súa actuación son frecuentemente mencionadas e usadas como exemplos nos demais países.

Politicamente o reino dos Países Baixos é unha monarquía constitucional e membro da Unión Europea. Ámsterdan é a capital constitucional e onde está a residencia oficial da raíña. A se do goberno e a residencia habitual da raíña, as embaixadas e o Tribunal Internacional de Xustiza teñen a súa sede na Haia.