Portal:Lugo/Artigo destacado/6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As festas de San Froilán teñen lugar en Lugo entre o 4 e o 12 de outubro. Xiran arredor do 5 de outubro, día en que o santoral católico conmemora o día de San Froilán. Foron proclamadas de Interese Turístico Nacional polo Ministerio de Industria e Turismo en 2006. Son as últimas festas de importancia que se celebran no ano en Galicia.

As festas de San Froilán foron consideradas, en palabras de Álvaro Cunqueiro como "as máis belas do outono galego".

A celebración comezou sendo relixiosa. No ano 1600, a diocese de Lugo estableceuna como festa eclesiástica cinco anos antes de que San Froilán (832?-905) fose declarado oficialmente patrón da cidade e da diocese. No 1754, a celebración relixiosa foi acompañada por outra popular. Este ano está considerado como o de inicio das festas como se coñecen hoxe en día.

No século XXI, o aspecto de feira de gando tradúcese nun desfile de gando polo centro da cidade e un salón multisectorial, chamado Expolugo, que se celebra no pazo de feiras e congresos. As casetas do polbo son tamén unha reminiscencia do tempo en que o San Froilán era unha inmensa feira.