Portal:Finlandia/Artigo destacado/7
A guerra civil finlandesa foi un conflito polo liderado e control de Finlandia durante o período de transición que viviu o país desde que deixou de ser un Gran Ducado do Imperio ruso para converterse nun estado independente. O enfrontamento tivo lugar no contexto da axitación nacional, política e social causada pola primeira guerra mundial e a revolución rusa de 1917. Dun lado se encontraban as forzas socialdemócratas, dirixidas pola delegación popular de Finlandia, comunmente coñecidos como «vermellos» (punaiset). Doutro lado se encontraban as forzas do Senado, controladas desde o outono anterior polos conservadores, popularmente coñecidos como «brancos» (valkoiset). As forzas paramilitares dos Gardas Vermellos, compostas por traballadores industriais e agrarios, controlaron as cidades e os centros industriais do sur de Finlandia. Pola súa banda, as forzas dos Gardas Brancos, compostas por granxeiros e outros membros das clases sociais media e alta, controlaban o rural no centro e norte do país.
Os enfrontamentos decisivos foron as batallas de Tampere e Viborg (finés: Viipuri; sueco: Viborg), gañadas polos Brancos, e as batallas de Helsinqui e Lahti, gañada polas tropas alemás, o que deu lugar a vitoria dos Brancos e as forzas alemás na contenda. A violencia política tamén formou parte do enfrontamento. Arredor de 12 500 prisioneiros de guerra Vermellos morreron de mal-nutrición e enfermidades nos campos de prisioneiros. Arredor de 39 000 persoas, das cales 36 000 eran finlandeses, morreron no conflito.
Finlandia pasou de estar na esfera de influencia rusa á alemá. O senado conservador intentou establecer unha monarquía finlandesa, cun rei alemán: o príncipe Federico Carlos de Hesse-Kassel, pero, tras a derrota alemá na Gran Guerra, Finlandia emerxeu como unha república democrática independente.