Portal:Finlandia/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Liiga (anteriormente denominada Suomen Mestaruus Liiga ou SM-liiga en finés, e FM-ligan en sueco) é a máxima liga profesional de hóckey sobre xeo de Finlandia, e unha das ligas máis famosas nesa modalidade en Europa, sendo catalogada pola IIHF como a segunda mellor liga nacional máis importante do continente por detrás da Svenska hockeyligan (SHL), e a cuarta mellor do mundo por detrás das ligas internacionais National Hockey League (NHL) e Kontinental Hockey League (KHL).

Creada en 1975, substituíu ao campionato de afeccionados SM-sarja, e na súa tempada inaugural competiron dez equipos, número que foi progresivamente aumentando ata os 15 que a conforman dende a tempada 2015-16. A Liiga ten un acordo coa Federación Finesa de Hóckey sobre xeo, polo que está considerada coma o campionato principal do país. Ademais, o hóckey sobre xeo está considerado un dos deportes nacionais de Finlandia.

O trofeo entregado ao equipo campión dos play-offs (e polo tanto o campión final da liga) é a Kanada-malja, que era entregada xa na precedente SM-sarja. O equipo que máis veces gañou a Kanada-malja é o Tappara de Tampere (19 en total), que é tamén o equipo máis laureado dende a profesionalización da competición con 12 títulos. Dende a súa creación, a liga estivo dominada principalmente por tres equipos: Tappara (12 títulos e 9 subcampionatos), TPS (10 títulos e 7 subcampionatos) e Kärpät (8 títulos e 2 subcampionatos), que suman un total de 28 títulos ao inicio da tempada 2018-19.