Portal:Ferrol/Biografía destacada/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, nado en Ferrol o 25 de setembro de 1875 e finado en Madrid o 17 de marzo de 1960, foi un pintor académico galego. Boa parte da súa obra destaca por reflectir diversos aspectos da vida de Galicia con luminosidade e colorido.

Logo de concluir a súa aprendizaxe no obradoiro de Manuel Domínguez, en 1899 gañou unha pensión da Escola de San Fernando para asistir á Academia de Belas Artes de Roma. Tras regresar a Madrid, en 1908 instalouse en Santiago de Chile, onde dirixiu a Escola Superior de Belas Artes ata o seu regreso a España en 1915. En 1922 foi nomeado director do Museo do Prado. Coa caída da monarquía, estableceuse en Inglaterra e non regresou a España ata finalizada a Guerra Civil.

Temática e estilisticamente, a súa obra enlaza coa de pintores como Rosales, Pradilla ou Muñoz Degrain. Mediante o emprego de cores puras e luminosas e unha temática campesiña ou folclórica persigue a exaltación da intrahistoria. No seu catálogo abundan os retratos de personaxes da vida política e económica do país. Logo 1922 a súa evolución artística abriuse a unha nova etapa caracterizada polos retratos con paisaxes velazqueños.

Nos últimos doce anos da súa vida produciu obras de ampla factura como Ceres, San Agustín, San Vicente Ferrer ou O infortunio. Unha boa parte da súa obra atópase en América, aínda que tamén é considerable o numero de óleos, acuarelas e debuxos reunidos pola Fundación Caixa Galicia.