Portal:Estados Unidos de América/Biografía destacada/2
John Barrymore, nado como John Sidney Blyth en Filadelfia (Pensilvania) o 14 ou 15 de febreiro de 1882 e finado nos Ánxeles (California) o 29 de maio de 1942, foi un actor estadounidense de teatro, cine e radio. Membro das familias de actores Drew e Barrymore (cuxo representante actual máis coñecido é Drew Barrymore), tentou afastarse inicialmente da actuación probando unha carreira como artista, malia que no 1900 actuou no teatro xunto ó seu pai Maurice Barrymore e posteriormente coa súa irmá Ethel no ano seguinte. Comezou a súa carreira oficialmente no ano 1903 gañando atención como actor de teatro en comedias lixeiras nos comezos, pasando por representacións de varias obras dramáticas ata culminar nas producións de Justice (1916), Richard III (1920) e Hamlet (1922).
Após do seu éxito coa obra de Hamlet en Londres no ano 1925, Barrymore deixou o teatro durante uns 14 anos, centrándose ó completo no cinema. Na época do cine mudo obtivo unha boa recepción e foi durante este período onde recibiu o alcume de "o Gran Perfil". A súa voz, traballada no teatro, foi unha baza para el nos comezos do cine sonoro.
A súa vida persoal foi un foco de atención dos medios tanto antes do seu pasamento coma posteriormente. Tivo problemas de alcoholismo dende os catorce anos de idade, casou e divorciouse en catro ocasións, e nos últimos anos da súa vida declarouse en bancarrota. Gran parte dos seus últimos traballos incluían a parodia de si mesmo e o retrato de artistas acabados bébedos.