Portal:Escocia/Artigo destacado/7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Guerras de independencia de Escocia foron un conxunto de diversas campañas militares que enfrontaron ó Reino de Escocia co Reino de Inglaterra entre finais do século XIII e xa avanzada a segunda metade do século XIV. Ó longo de dito período e das campañas e batallas seguintes, o obxectivo de Inglaterra era a ocupación e anexión do territorio escocés, mentres que Escocia pretendía manter a súa propia independencia fronte ós ingleses.

A Primeira Guerra de Independencia de Escocia (1296-1328) iniciouse cunha invasión inglesa de Escocia, finalizando mediante a firma do Tratado de Edimburgo-Northampton en 1328. A Segunda Guerra de Independencia de Escocia (1332-1357) produciuse con motivo da invasión de Eduardo Balliol, apoiado polos ingleses, en 1332, finalizando á súa vez en 1357 coa firma do Tratado de Berwick.

O período e tódolos conflitos no seu conxunto supuxeron para Escocia unha enorme crise de tipo nacional, sendo unha época decisiva para a posterior historia do país. Unha vez finalizadas ambas guerras, Escocia logrou manter a súa condición de nación libre e independente, o que fora o seu obxectivo durante todo o conflito.

Hai que destacar que estas guerras tamén teñen importancia por motivos alleos á política, relacionados coa historia da tecnoloxía militar, xa que foi durante as mesmas cando fixo a súa aparición o arco longo inglés, que foi un elemento clave do armamento medieval.