Portal:Cataluña/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cataluña (en catalán: Catalunya, en aranés: Catalonha) é un país situado no nordeste da Península Ibérica constituído como unha comunidade autónoma española. Nomeada tradicionalmente Principado de Cataluña, é unha nación, segundo se expresa no seu estatuto de autonomía.

Ocupa un territorio duns 32.000 km² que limita ao norte con Francia (Mediodía-Pireneos e Languedoc-Rosellón) e Andorra, ao leste co mar Mediterráneo ao longo dunha franxa marítima duns 580 quilómetros, ao sur coa Comunidade Valenciana (Castelló), e ao oeste con Aragón (Zaragoza, Teruel e Huesca). Esta situación estratéxica favoreceu unha relación moi intensa cos territorios da conca mediterránea e coa Europa continental. A capital de Cataluña é a cidade de Barcelona.

No territorio catalán habitan actualmente 7 467 423 habitantes nun total de 946 municipios dos que 63 superan os 20.000 habitantes (nos que vive o 70 por cento da poboación catalá). Dous terzos da poboación vive na Rexión metropolitana de Barcelona. Constitúe un territorio moi denso e altamente industrializado, liderando o sector en España desde o século XIX e a súa economía é a máis importante de entre as comunidades autónomas, ao xerar o 18,7% do PIB español, sendo a cuarta en PIB per cápita, tras País Vasco, Navarra e Comunidade de Madrid.

Cataluña foi durante a Idade Media un dos territorios principais da Coroa de Aragón. Co declive da Coroa decaeu Cataluña, que non volveu destacar ata a industrialización. A súa historia e a súa lingua son moi valoradas polos seus habitantes e para moitos son a base da súa identidade colectiva.