Portal:Canadá/Cidade destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Montreal (en francés e oficialmente: Montréal) é a maior cidade da provincia do Quebec, no Canadá, a segunda máis populosa do país, e tamén a segunda cidade francófona máis populosa do mundo. É tamén unha rexión administrativa do Quebec. Sitúase na illa de Montreal, no río San Lourenzo. É un dos principais centros industriais, comerciais e culturais de América do Norte.

Montreal posúe a segunda maior poboación francófona do mundo, estando só por detrás de París. Porén, Montreal tamén posúe unha considerábel comunidade anglófona, e un crecente número de persoas cuxo idioma materno non é nin o francés nin o inglés.

A palabra "Montreal" é a versión arcaica, escrita de forma simplificada, de Mont-Royal, un monte localizado na cidade, no centro da illa.

Montreal é un dos centros culturais máis importantes do país, aloxando varios eventos nacionais e internacionais. Entre eles, están a Juste pour Rire, un dos maiores festivais de comedia do mundo, o Festival de Jazz de Montreal, un dos maiores festivais de Jazz do mundo, e o Grand Prix de Montreal. A cidade, en total, aloxa máis de 70 eventos internacionais por ano. Con todos estes eventos, aliado ao seu centro antigo, a Vieux Montreal, a cidade é considerada a cidade máis europea de América do Norte.

Montreal posúe unha das poboacións mellor educadas do mundo, posuíndo a maior concentración de estudantes universitarios per capita de toda América do Norte. A cidade posúe 4 universidades -dúas delas francófonas e dúas delas anglófonas- e 12 facultades. É un centro de industria de alta tecnoloxía -especialmente na área de medicina e na industria aeroespacial.