Portal:Bretaña/Lugar de interese/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Rennes (en bretón: Roazhon, en galó: Resnn) é un concello francés, cabeza do departamento de Ille e Vilaine e da rexión da Bretaña en Francia, así como unha das capitais históricas do ducado da Bretaña. Sitúase ao leste da Bretaña na confluencia do río Ille e do río Vilaine, no Arco Atlántico, a 50 km da canle da Mancha e a 80 km do océano Atlántico.

Rennes xorde entre o II e o primeiro século antes de Cristo como capital da tribo gala dos redóns. A cidade chamábase Condate. Durante a Idade Media, coa chegada dos pobos bretóns e a consolidación do ducado da Bretaña fronte o poder carolinxio e logo dos reis de Francia, Rennes confirmouse como unha das poboacións máis importantes da rexión fronteiriza do ducado, a marca da Bretaña. Após a anexión do ducado da Bretaña ó reino de Francia, Rennes converteuse nunha capital provincial e acolleu o Parlamento da Bretaña.

Trala Segunda Guerra Mundial, Rennes aumentou fortemente a súa poboación, desenvolvendo o sector industrial (destacando a gran fábrica de Citröen) e consolidouse como importante centro educativo grazas ás súas universidades. Hoxe en día, Rennes é un centro de innovación dixital e tecnolóxico recoñecido en Francia.