Portal:Bretaña/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A lingua bretoa (en bretón: Brezhoneg) é unha lingua celta insular de tipo britónico, estreitamente emparentada co córnico. Provén da lingua falada pola comunidade britona que habitou entre Gran Bretaña e Armórica, e que chegou incluso a Galicia.

O bretón fálase principalmente na parte occidental de Bretaña, malia que hai pequenos grupos de falantes na parte oriental, onde tamén se fala galó. O bretón divídese en catro dialectos, coñecidos en bretón como: leoneg (leonés), no nordeste, tregerieg (tregorés), no norte, gwenedeg (vannetés), no sur e kerneveg (cornuallés), no sueste. Este último non debe ser confundido coa lingua propia de Cornualles (kernewek). Tamén existiu un quinto dialecto, hoxe desaparecido, chamado guérandais, falado até comezos do século XX nas rexións de Guérande e Batz-sur-Mer. As fronteiras entre estes dialectos, por outra banda, non están claras, e a división pódese facer entre o dialecto vannetés e o resto, que forman un continuo dialectal.

A lingua foi falada polas clases altas até o século XII. Porén, comezou a decaer e acabou sendo só a lingua das clases baixas da Bretaña occidental, cando a nobreza e a burguesía adoptaron o francés. Hoxe, a pesar do centralismo político de Francia e da importante influencia dos medios de comunicación, o bretón é falado como lingua cotiá por arredor de 200.000 persoas. Isto é, porén, moito menos dos 1,3 millóns de falantes que tiña en 1930.