Portal:Ópera/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

L'Orfeo (SV 318), ás veces chamada La favola d'Orfeo, é unha favola in musica ou ópera de finais do Renacemento/principios do Barroco, con música de Claudio Monteverdi e libreto en italiano de Alessandro Striggio. Está baseada na lenda grega de Orfeo, conta a historia do seu descenso ao Hades e o seu infrutuoso intento de devolver á súa muller morta Eurídice ao mundo dos vivos. Foi escrita en 1607 para unha representación na corte durante o Carnaval anual de Mantua. Mentres que Dafne de Jacopo Peri é xeralmente recoñecida como a primeira ópera, e Euridice de Peri a ópera máis antiga que sobreviviu, L'Orfeo é a máis antiga que se continúa a representar con frecuencia.

A principios do século XVII o intermedio—unha secuencia musical entre os actos dunha obra de teatro—estaba evolucionando cara a forma dun drama musical completo ou "ópera". L'Orfeo de Monteverdi sacou este proceso da súa era experimental e proporcionou o primeiro exemplo completamente desenvolvido do novo xénero. Logo da súa representación inicial, a obra foi posta en escena de novo en Mantua, e posiblemente noutros centros italianos nos seguintes anos. A súa partitura foi publicada por Monteverdi en 1609, e novamente en 1615. Logo da morte do compositor en 1643 a ópera deixou de representarse durante anos, e foi esquecida ata que no século XIX o interese nela viviu un renacemento que levou a novas edicións e representacións.

Na súa partitura publicada Monteverdi enumera ao redor de 41 instrumentos para a súa execución, con distintos grupos de instrumentos empregados para representar escenas e personaxes en concreto. Así as cordas, clavicémbalo e frautas de bico representa os campos pastorais de Tracia coas súas ninfas e pastores, mentres que os metais ilustran o inframundo e os seus habitantes. Composta no punto de transición do Renacemento ao Barroco, L'Orfeo emprega todos os recursos coñecidos na arte da música, cun emprego particularmente atrevido da polifonía. A obra non está orquestrada como tal; na tradición renacentista os instrumentistas seguían as instrucións xerais do compositor, mais dábaselles unha considerable liberdade para improvisar.