Dende tempos remotos, as dúas beiras da ría de Betanzos estaban comunicadas por medio dun servizo de pasaxe en bote de remo. Tendo en conta que o emprego desta pasaxe acurtaba en gran medida a distancia quilométrica entre as cidades da Coruña e Ferrol, a principios do século XX as autoridades proxectaron construír unha ponte que dese fluidez á comunicación por estrada entre ámbalas dúas poboacións, e que simultaneamente non entorpecese a navegación pola ría. Tras diversos estudos, en 1939 inicia a construción da ponte, que non remataría até 1942. A inauguración oficial da obra produciuse o 15 de abril de 1943.[1][2]
A ponte, de máis de 520 metros de lonxitude e edificada na súa totalidade en formigón armado, divídese claramente en tres treitos. O primeiro consta dun taboleiro de 340 metros, recostado sobre dez arcos dobres. O segundo (o máis emblemático), componse dun grande arco dobre que soporta, por medio de corenta péndolas, un taboleiro de 78,40 metros. O terceiro e último componse de tres arcos dobres de formigón, sobre os que se apoian os 102 metros de taboleiro restantes.
A ponte do Pedrido continúa a dar servizo á estrada AC-164, se ben a súa importancia estratéxica diminuíu debido á súa estreiteza (tan só mide sete metros de ancho) e á construción nas súas inmediacións da ponte da ría de Betanzos, pola que discorre a autoestrada do Atlántico.