Poeta maldito
Chámaselle poeta maldito (poète maudit en francés) a un poeta que vive fóra ou contra a sociedade. Son elementos típicos da biografía dun poeta maldito o abuso das drogas e o alcol, a loucura, a violencia e calquera pecado considerado así pola sociedade, que ocasionan en xeral unha morte na xuventude.
A frase popularizouse a raíz da colección de ensaios Les Poètes maudits (1884, 1888) de Verlaine. Estes eran estudos críticos e biográficos breves de seis poetas franceses que foran, na súa opinión, insuficientemente aprezados e comprendidos. Estes eran:
- Marceline Desbordes-Valmore (1786-1859
- Villiers de l'Isle-Adam (1838-1889)
- Stéphane Mallarmé (1842-1898)
- Tristan Corbière (1845-1875)
- Arthur Rimbaud (1854-1891)
- e Pauvre Lelian (anagrama do nome do propio Verlaine)
A frase pode ser unha referencia a "Bénédiction" ("Benzón"), primeiro poema d'As Flores do mal (Les Fleurs du mal, 1857), de Baudelaire. Nos seus ensaios, Verlaine rende homenaxe ao Parnaso francés "decadente" que marcou a fin do Segundo Imperio Francés e os comezos da Terceira República Francesa. Os comentarios de Paul Verlaine, que coñecía persoalmente estes autores, puntuábanse con anéctodas de primeira man.
A expresión "poeta maldito" tivo tanto éxito que hoxe se pode utilizar para describir outros autores. Designa en xeral un poeta de talento que, sendo incomprendido desde a súa xuventude, rexeita os valores da sociedade, condúcese de maneira provocativa, perigosa, asocial ou autodestrutiva (en particular, co consumo de alcol e drogas), redacta textos de lectura difícil e, en xeral, morre antes de que se recoñeza e poña en valor o seu xenio. O prototipo puido ser François Villon (1431-1474) e outros como Baudelaire, Lautréamont, Antonin Artaud, Armand Robin ou mesmo Jim Morrison.
A imaxe do poeta maldito é a dunha figura tráxica empurrada ao extremo que bordea a demencia. Constitúe en certa maneira o cumio do pensamento romántico e domina unha concepción da poesía característica da segunda metade do século XIX.