Poeta en Nova York
Poeta en Nueva York | |
---|---|
Autorretrato de Federico García Lorca para Poeta en Nueva York. | |
Título orixinal | Poeta en Nueva York |
Autor/a | Federico García Lorca |
Orixe | España |
Lingua | Castelán |
Xénero(s) | Poesía |
Data de pub. | 24 de maio de 1940 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Poeta en Nova York,[1] orixinalmente en castelán Poeta en Nueva York, é o título dun poemario escrito por Federico García Lorca entre 1929 e 1930 durante a súa estadía na Universidade de Columbia, e publicado por vez primeira o 24 de maio de 1940, en Nova York, catro anos despois da morte do poeta.
Edición
[editar | editar a fonte]O borrador de Poeta en Nueva York, composto de 96 páxinas mecanografadas e 26 manuscritas, foi entregado por Lorca a José Bergamín pouco antes da súa morte, en 1936, con numerosos esborranchados, engadidos e correccións[2]. Bergamín levou consigo o manuscrito ao exilio, primeiro a Francia e despois a México, e a partir del realizou a primeira edición en 1940, que apareceu a un tempo en México e os Estados Unidos aínda que con importantes diferenzas, debidas, ao parecer, a lixeiras modificacións introducidas por Bergamín, quen non obstante foi moi respectuoso coas indicacións do seu amigo[3] Porén, anos despois o tamén poeta Agustín Millares publicou na revista Planas de poesía un poema inédito e descoñecido, titulado "Crucifixión", ausente das primeiras edicións do libro[4].
Durante case toda a segunda metade do século XX, o orixinal do libro pasou de man en man, até ser redescuberto en 1999 en posesión da actriz Manola Saavedra Moreno de Aldama, e adquirido pola Fundación Federico García Lorca en 2003.[5]. O poema solto "Crucifixión" foi adquirido en 2007 polo Ministerio de Cultura de España. Na actualidade estase a preparar unha edición baseada en todos estes materiais orixinais recentemente recuperados, previsiblemente a edición "definitiva" da obra[6].
Crítica
[editar | editar a fonte]Gran parte da crítica considera Poeta en Nueva York como o mellor libro de Lorca. Nel ofrécese unha visión conmovida e sensible ante a maquinaria implacable da cidade. O poemario, de gran actitude crítica, refírese esencialmente á deshumanización atopada, encarnada nos negros, nos que Lorca ve unha raza rexeitada e oprimida, xemelga dos xitanos do Romancero gitano. Poemas como "New York oficina y denuncia" ou "Panorama ciego de New York" reflicten a acendida crítica ante a monstruosidade da grande cidade.
Formalmente o poemario supón un fito na obra lorquiana, xa que nel experimenta con técnicas do surrealismo mediante o uso de metáforas violentas, oníricas, ás veces de difícil interpretación. Ademais renuncia ao emprego de estrofas tradicionais, como o romance, en favor do verso libre.
Contido
[editar | editar a fonte]Debido ao estado do orixinal e das súas posteriores manipulacións, é difícil saber ata que punto a estrutura actual do libro corresponde coa intención de Lorca. En calquera caso, os 35 poemas de Poeta en Nueva York aparecen organizados en dez seccións:
- Poemas de la soledad en Columbia University
- Los negros
- Calles y sueños
- Poemas del lago Eden Mills
- En la cabaña del Farmer. Campo de Newburg
- Introducción a la muerte. Poemas de la soledad en Vermont
- Vuelta a la ciudad
- Dos odas
- Huida de Nueva York. Dos valses
- El poeta llega a La Habana
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Edición de Poeta en Nova York do ano 2020, na páxina web da Editorial Galaxia.
- ↑ "Los exilios de Poeta en Nueva York" Arquivado 19 de xullo de 2008 en Wayback Machine. en Caleidoscopio, Revista Artes
- ↑ "Poeta en Nueva York: historia y problemas de un texto de Lorca" Arquivado 29 de maio de 2009 en Wayback Machine.; Daniel Eisenberg. Barcelona, Ariel, 1976 (Biblioteca Virtual Cervantes, Alacant, 2003)
- ↑ "España compra el único manuscrito del poema "Crucifixión", de Poeta en Nueva York de Lorca", artigo en El Mundo, 28 de novembro de 2007
- ↑ "Venden un manuscrito de Lorca" Arquivado 22 de xuño de 2003 en Wayback Machine., artigo en Clarín, 05 de xuño de 2003
- ↑ "Definitivo Poeta en Nueva York", artigo en El País, 21 de outubro de 2007
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Poeta en Nova York |