Pod igoto
Pod igoto | |
---|---|
O autor, Ivan Vazov | |
Título orixinal | Под игото |
Autor/a | Ivan Vazov |
Orixe | Bulgaria |
Lingua | Búlgaro |
Xénero(s) | Novela histórica |
Editorial | Todor Chipev |
Data de pub. | 1894 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Pod igoto (búlgaro: Под игото; "Baixo o xugo"), subtitulada "Unha novela sobre a vida dos búlgaros na véspera da súa liberación" ou "Un romance sobre a liberdade búlgara", é unha novela histórica do escritor búlgaro Ivan Vazov.[1] Foi escrita entre os anos 1887 e 1888, e publicada como libro en 1894, despois da súa serialización en revista.[2] Ambientada nunha pequena vila do centro de Bulgaria nos meses previos ao alzamento de abril do 1876, está considerada a obra fundamental da literatura búlgara. Pod igoto foi traducida a máis de trinta linguas, entre as que se atopan o castelán e o inglés.[3][4]
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]No 1393, o Segundo Imperio Búlgaro, gobernado por Ivan Shishman, caeu en mans dos turcos. En datas posteriores, o Imperio Otomán chegou a ocupar toda a península balcánica e parte de Europa Central. Durante estes séculos, producíronse diversos alzamentos (en 1408, 1598 e 1686). Porén, só no século XIX, co apoio do Imperio Ruso, estas rebelións comezaron a ter posibilidades de éxito. No 1861, Georgi Sava Rakovski organizou a primeira milicia búlgara en Belgrado. No 1873, Vasil Levski, principal expoñente do movemento revolucionario búlgaro, foi capturado e executado en Sofía. Tres anos despois, no 1876, produciuse o levantamento de abril, o meirande até aquel momento. A pesar do seu fracaso, logrou as simpatías das sociedades europeas cara a causa independentista búlgara, que os rusos empregaron para xustificar a súa intervención nos Balcáns. Así comezou a Guerra de Liberación do 1877-78, que rematou coa vitoria rusa e a independencia limitada de Bulgaria (a independencia definitiva lograrase no 1908).
Sinopse
[editar | editar a fonte]A tranquilidade dunha vila búlgara baixo o dominio otomán é só aparente: as súas xentes prepáranse en segredo para levantarse en armas. A obra segue a historia de Boycho Ognyanov tras a súa fuga da prisión de Diarbekir e o seu regreso á Byala Cherkva ("Igrexa branca", sobrenome da pequena cidade provincial de Sopot) para organizar unha rebelión. Alí, atopa amigos, inimigos e mais ao amor da súa vida, a mestra Rada Gospoguina. A trama enlaza o drama persoal das personaxes e as súas emocións coas súas motivacións para opoñerse ao goberno dos turcos.
Dende o punto de vista histórico, o alzamento do 1876 foi frustrado por unha mala planificación, recursos limitados e diversas traizóns. A brutalidade da represión subseguinte serviu de pretexto para o inicio da guerra con Rusia, que finalmente traería a independencia de Bulgaria. Todos estes aspectos son tratados por Vazov ao longo de Pod Igoto.
O libro contén tamén elementos autobiográficos, xa que Sopot é a cidade natal do autor, quen fixo parte dos eventos históricos descritos.
Adaptacións
[editar | editar a fonte]Pod Igoto foi levada á gran pantalla en dúas ocasións:
- Pod Igoto Под игото ("Baixo o xugo", 1952), de Dako Dakovski.[5] Sylvie Vartan, que contaba naquela época con sete anos, interpretou a unha colexiala examinada polo protagonista, nunha escena de forte contido patriótico.
- Pod Igoto Под игото ("Baixo o xugo", 1990), de Yanko Yankov.[6] O filme foi producido en nove partes para a televisión búlgara.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vazov, Ivan Minchov; Gosse, Edmund (1912). Under the yoke; a romance of Bulgarian liberty. London, W. Heinemann.
- ↑ СЛАВЕЙКОВ, Площад (2020-05-11). "Илюстрациите от първото издание на „Под игото” в онлайн изложба (линк)". Площад Славейков (en búlgaro). Consultado o 2023-12-11.
- ↑ "Distant Reading Recommends: Under the Yoke by Ivan Vazov – Distant Reading for European Literary History" (en inglés). 2019-06-11. Consultado o 2023-12-11.
- ↑ "Bajo el Yugo, Iván Vázov - Crítica de Libros". www.criticadelibros.com. Consultado o 2023-12-11.
- ↑ "Dako Dakovski - Biography". IMDb (en inglés). Consultado o 2023-12-11.
- ↑ "Yanko Yankov - Biography". IMDb (en inglés). Consultado o 2023-12-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Under the Yoke (Internet Archive)
- Под игото (Texto orixinal en búlgaro)