Vasil Levski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vasil Levski
BASA-600K-1-1865-15-Vasil Levski-retouched.jpeg
Nome completoВасил Иванов Кунчев
Nacemento18 de xullo de 1837
 Karlovo
Falecemento18 de febreiro de 1873
 Sofía, Bulgaria
CausaEnforcamento
SoterradoSofía, Bulgaria
NacionalidadeImperio Otomán
EtniaBúlgaros
RelixiónIgrexa ortodoxa e Cristianismo ortodoxo
Ocupaciónrevolucionario, clérigo e político
Naisen etiquetar
Vasil Levski signature.svg
editar datos en Wikidata ]

Vasil Ivanov Kunchev, de alcume Vasil Levski (en búlgaro Васил Левски), nado en Karlovo (Imperio Otomán, actual Bulgaria) o 18 de xullo de 1837 e finado en Sofía o 18 de febreiro de 1873, foi un revolucionario búlgaro e heroe nacional.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Entrada da casa natal de Vasil Levski en Karlovo. Construída no século XVIII e reconstruída en 1933, é un museo dende 1937.[1]

Vasil Levski, naceu na cidade de Karlovo, un próspero centro industrial na época, o 18 de xullo de 1837. Os pais de Vasil Kunchev, Ivan Kunchev e Gina Kuncheva (de solteira Karaivanova), eran de familias de clérigos e artesáns, e representaban a clase media emerxente búlgara.[2] Eminente e activo artesán local, Ivan Kunchev faleceu en 1844. Vasil tivo dous irmáns máis novos, Hristo e Petar, e dúas irmás máis vellas, Yana[3] e Maria, que faleceu na infancia.[4]

Despois de acabar a escola, ordenouse no mosteiro de Sopot[5] como diácono co nome de Ignatii, razón pola que a miúdo recibiu posteriormente o alcume de "O diácono" (Дякона, Dyakona).[6] Sen abandonar a relixión (sempre se refería a Deus nos seus escritos) no ano 1861, baixo as influencias de Georgi Sava Rakovski, decidiu entregarse por completo á idea revolucionaria de liberar Bulgaria dos otománs.

No ano 1862 Levski viaxou a Serbia para alistar voluntarios na Lexión búlgara organizada por Rakovski. Adoptou o pseudónimo "Levski" ("como o león") durante este período.[7][8] Cóntase a anécdota de que o adoptou mentres realizaba un exercicio físico de adestramento militar, durante o que saltou unha distancia tan grande que os seus compañeiros afirmaron que saltaba coma un león. Entre os anos 1862 e 1868 participou en todos os ataques armados dos búlgaros contra o Imperio Otomán.

Revolución contra os otománs[editar | editar a fonte]

Vasil Levski vestido como soldado

Vasil Levski foi o fundador do Comité Búlgaro Revolucionario. Creou unha rede de comités en todo o país, co obxectivo de organizar o levantamento xeral e conseguir a liberdade definitiva de Bulgaria. Comezou a organización en 1869.

No ano 1872, conseguira establecer unha rede fortemente organizada de comités en varias cidades e aldeas búlgaras en constante contacto e subordinados ao comité central clandestino situado na cidade de Lovech. Os comités proporcionaron armas e militantes e realizaban accións rebeldes e represalias contra os oficiais otománs e os traidores búlgaros. En maio o Comité Búlgaro Revolucionario e a Organización Revolucionaria Interna decidiron coordinar esforzos e fusionáronse nunha soa organización.

O 26 de decembro de 1872, Dimitar Obshti planeou un ataque ao correo turco en Arabaconak, sen o apoio de Levski. Todo o grupo de Obshti foi atrapado, supondo un gran golpe para a organización revolucionaria de Levski.

Levski negouse a provocar un levantamento precipitado, como opinaba a maioría do Comité e decidiu trasladar todos os arquivos da organización á cidade de Lovech onde se erixiu a sede do Comité.

Detención e execución[editar | editar a fonte]

A policía turca seguiu a pista dos revolucionarios no nordeste de Bulgaria, chegando mesmo ao cuartel xeral da organización en Lovech. Os numerosos arrestos ameazaron con eliminar a organización. Nun intento de protexer a valiosa documentación sobre os seus contactos e os movementos dos comités búlgaros, Levski tentou escapar do cerco das autoridades, pero foi detido nunha pousada ao leste de Lovech, onde se atopaba temporalmente escondido. Crese que foi traizoado por un sacerdote chamado Krastiu. Foi xulgado e condenado á morte. O 18 de febreiro de 1873 foi aforcado preto de Sofía,[9] onde hoxe está o monumento na súa memoria.[10][11]

As palabras de Levski: "Se perdo, perdo só a min mesmo, se gaño, gaña todo un pobo" son a esencia da súa gran personalidade e capacidade de entrega total á idea de liberdade.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A gran rede nacional de comités revolucionarios creada polos búlgaros continuou a actuar trala morte de Vasil Levski e foi esencial na revolución de abril de 1876. O alzamento en si fracasou, pero a súa influencia terminou por provocar  o estalido da guerra entre Rusia e Turquía de 1877-1878, o que permitiu a Bulgaria recuperar a súa independencia despois de case cinco séculos baixo o goberno otomán.

Ideas e teorías revolucionarias[editar | editar a fonte]

A finais da década de 1860, Levski desenvolveu un proxecto revolucionario, que influíu notablemente no movemento de liberación búlgaro. O seu proxecto establecía a obtención da liberación nacional de Bulgaria mediante o alzamento armado de todos os búlgaros do Imperio Otomán. A insurrección sería preparada, controlada e coordinada por unha organización revolucionaria central, da que dependerían varios comités revolucionarios locais estendidos por toda Bulgaria, e que operarían á marxe de calquera influencia estranxeira. O proxecto de Levski foi adoptado tras os repetidos fracasos das ideas de Rakovski, que consistían basicamente na invasión de Bulgaria por parte de destacamentos armados (cheti) dende os países veciños, provocando de forma externa unha rebelión xeral que provocase a liberación de Bulgaria.

Levski tamén desenvolveu a forma do futuro goberno de Bulgaria, unha república democrática (que tamén describiu como unha república pura e sacra), establecida sobre os principios da Carta dos Dereitos do Home e do Cidadán da Revolución Francesa. Mediante eses principios garantiríase a liberdade de expresión, ideas e asociación en Bulgaria. Levski tamén defendeu que todos os grupos relixiosos e étnicos da Bulgaria liberada (búlgaros, turcos, xudeus e outros) gozarían de iguais dereitos. Reiterou que os revolucionarios búlgaros loitaban contra o goberno opresor do sultán otomán, non contra o pobo turco e a súa relixión.

Levski non toleraba a corrupción no movemento revolucionario e insistiu en que un revolucionario debía ser "xusto, valente e magnánimo". Nunha ocasión afirmou que non desexaba ningunha posición oficial trala liberación de Bulgaria, senón que acudiría a "outras nacións escravas" para axudalas na súa liberación.

Honras[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Vassil Levski's house". Музей "Васил Левски", гр. Карлово. Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2008. Consultado o 24 de outubro de 2008. 
  2. Стоянов 1943, p. 37
  3. Кондарев 1946, p. 13
  4. Дойчев, Л (1981). Сподвижници на Апостола (en búlgaro). София: Отечество. OCLC 8553763. 
  5. Кондарев 1946, pp. 27–28
  6. "Левски". Православие БГ (en búlgaro). 2008-02-20. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2009. Consultado o 25 de outubro de 2008. 
  7. "Автобиография Arquivado 19 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.", 170 години.
  8. Дойнов & Джевезов 1996, p. 11
  9. Todorova, Maria (2003). Memoirs, Biography, Historiography: The Reconstruction of Levski's Life Story. Académie bulgare des sciences 1 (Sofía). p. 23. 
  10. Николов, Григор (8 de novembro de 2005). "За паметника на Левски дарили едва 3000 лева". Сега (en búlgaro). Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2008. Consultado o 24 de outubro de 2008. 
  11. Miller 1966, p. 346
  12. Vasil Levski 7014

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]