Pimen Ilievski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Пимен Илиевски
(Pimen Ilievski)
Pimen of Europe Macedonian Bishop 1.jpg
Bispo da Igrexa Ortodoxa Macedonia - Arcebispado de Ohrid
Biografía
Nacemento3 de outubro de 1971 en Resen
Ordes
Ordenación sacerdotal1997, por Naum Ilievski
Consagración episcopal2 de outubro de 2005, por Stefan Veljanovski
Metropolita de Europa
2006 - actualidade
PredecesorGorazd Dimitrioski

Pimen, nado como Sotir Ilievski en Resen (República Socialista de Macedonia) o 3 de outubro de 1971, é un eclesiástico ortodoxo macedonio, bispo de Europa da Igrexa Ortodoxa Macedonia - Arcebispado de Ohrid dende 2006.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pimen naceu co nome de Sotir Ilievski en Resen, na República Socialista de Macedonia, o 3 de outubro de 1971. Estudou na Facultade de Teoloxía de Skopje, e ao terceiro ano de universidade, en 1997, ingresou no mosteiro de Vodoča (preto de Strumica) onde recibiu a tonsura monástica e tomou o nome de Pimen. No mesmo ano foi ordenado hieromonxe polo metropolita de Strumica Naum Ilievski. En xaneiro de 1999 foi elevado ao rango de hegúmeno, e en setembro do mesmo ano pasou a servir na diocese de Strumica, da que foi nomeado secretario en 2003.

En marzo de 2004 completou os seus estudos na Universidade Santos Cirilo e Metodio de Skopje, e no mesmo ano foi elevado ao rango de arquimandrita.

A proposta do Sínodo da Igrexa Ortodoxa de Macedonia, en setembro de 2004 ampliou os seus estudos no Instituto de Teoloxía Ortodoxa San Serxio de París. Durante ese período atendeu ás parroquias de San Clemente de Ohrid (en París) e de Santo Elías (en Bruxelas).

O 14 de abril de 2005 foi elixido bispo. O 1 de outubro foi nomeado bispo de Poljanski e vigairo da eparquía de Strumica. Recibiu a consagración episcopal ao día seguinte, de mans do arcebispo Stefan Veljanovski.

O 6 de abril de 2006 foi nomeado administrador da eparquía de Europa, movendo a sé diocesana a Malmö (Suecia). O 22 de xuño do mesmo ano o Sínodo da Igrexa ortodoxa macedonia nomeouno metropolita de Europa. Foi entronizado na catedral de San Nahum de Malmö, coa presenza do arcebispo Stefan Veljanovski e do seu predecesor Gorazd Dimitrioski. Ademais do clero ortodoxo, asistiron ao acto representantes da Igrexa de Suecia e do goberno sueco, e representantes da Igrexa católica.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]