Paula Carballido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Paula Carballido Romero»)
Paula Carballido
Nacemento30 de xuño de 1979
Lugar de nacementoMolina de Segura
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónnadador
editar datos en Wikidata ]

Paula Carballido Romero, nada en Molina de Segura o 30 de xuño de 1979, é unha exnadadora galega. Foi varias veces campioa de España, competiu nos Xogos Olímpicos de 2000 en Atenas e gañou tres medallas de ouro nos Xogos Mediterráneos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu na localidade murciana de Molina de Segura, sendo filla de dous galegos, e dende moi pequena viviu en Pontevedra.[1] Comezou a nadar aos 12 anos e entrou no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, e máis tarde na Residencia "Joaquín Blume" de Madrid.[1]

Con só 14 anos proclamouse campioa galega absoluta dos 100 metros libres, e ao ano seguinte obtivo os títulos dos 100, 200, 400 e 800 metros.[2][3] Continuou coa súa progresión, batendo numerosos récords galegos,[4] e en 1998 foi subcampioa de España absoluta en 400 metros estilos. Posteriormente foi subcampioa tamén nos 100 e nos 200 metros libres, e bateu o récord de España de 4x200, xunto a Laura Roca, María Peláez e Ángeles Bardina.[5][6] Disputou os Campionatos Europeos de Natación de 1999 en Istambul e de 2000 en Helsinqui, logrando neste último o quinto posto e a clasificación olímpica.

Participou nos Xogos Olímpicos de Sydney con 21 anos, disputando a proba de 4x200 metros libres, xunto ás catalás Paula Roca, Àngels Bardina e Natalia Cabrerizo,[7] rematando na 13ª posición.[8] Durante os seguintes tres anos logrou seis títulos de campioa de España, tres de inverno e tres de verán, en diferentes modalidades, e bateu varios récords de España.[9][10][11][12] Internacionalmente participou no Mundial de Natación de 2001 en Fukuoka, obtendo o quinto posto en 4x200 libres, e ese mesmo ano gañou tres medallas de ouro nos Xogos Mediterráneos de Tunes, nas modalidades de 200 m estilos, 400 m estilos e 4x200 libre.[13] En 2003 disputou un novo Mundial en Barcelona, participando nos 200 e 400 estilos, pero sen lograr o pase a ningunha das dúas finais.

No 2003 tivo que se someter a unha cirurxía por unha rotura de fibras nun tendón dun ombreiro, e aínda que se recuperou e conseguiu bater un novo récord de España, tivo que volver ao quirófano para se operar do escafoide dunha man. O óso non acabou por se rexenerar e quedou cunha discapacidade na man, acabándose así a súa carreira deportiva.[14][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Pérez Puga, Luisa (4 de agosto de 2000). "«Me encanta que me premien»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  2. "La júnior Paula Carballido, campeona gallega absoluta de natación en A Malata". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de febreiro de 1994. p. 54. 
  3. "El Budo venció en féminas y enjúnior en el autonómico de verano". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de xullo de 1995. p. 45. 
  4. "Progresión dos récords galegos de natación" (PDF). Federación Galega de Natación. Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  5. "Paula Carballido logra la mínima para el Europeo". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de abril de 2000. p. 58. 
  6. "Carballido estará en el europeo de Estambul". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de abril de 1999. p. 58. 
  7. 7,0 7,1 "200 metros irrepetibles" (en castelán). 20 de febreiro de 2012. Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  8. "4x200 libres nos Xogos Olímpicos de 2000". sports-reference (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2020. Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  9. "Campións de España de Verán" (PDF) (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  10. "Campións de España de Inverno" (PDF) (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  11. "La reina de la piscina corta". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de decembro de 2000. Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  12. "Carballido, récord de España" (en castelán). 22 de marzo de 2003. Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  13. "Resultados Xogos Mediterráneos 2001" (PDF) (en francés). Consultado o 17 de setembro de 2021. 
  14. Soto, Nino (24 de abril de 2012). "«Bea es la mejor nadadora gallega de todos los tiempos»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]