Pantaleón de Nicomedia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPantaleón de Nicomedia

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(el) Παντελεήμων Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento275 Editar o valor em Wikidata
Nicomedia Editar o valor em Wikidata
Morte305 Editar o valor em Wikidata (29/30 anos)
Nicomedia Editar o valor em Wikidata
Causa da morteDecapitación Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédico Editar o valor em Wikidata
Período de tempoImperio Romano Editar o valor em Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa27 de xullo Editar o valor em Wikidata

Pantaleón foi un médico e mártir cristián, nado en Nicomedia a finais do século III e finado en 305. Para o cristianismo occidental é un dos catorce santos auxiliadores mentres para o oriental é un dos santos anárxiros. A súa festa é o 27 de xullo.

Haxiografía[editar | editar a fonte]

Segundo a tradición haxiográfica, seu pai era o pagán Eustorxio, un podente cidadán de Nicomedia, e die Eubula, que o educou no cristianismo aínda que ao medrar arredouse da relixión, baixo a guía de Eufrosino estudou medicina e chegou a ser o médico persoal do emperador Galerio Maximiano.

Volveu ao cristianismo por mediación do presbítero Hermolao e, á morte de seu pai, entrou en posesión dunha gran fortuna e a denteira fixo que o denunciasen durante a persecución de Diocleciano mais este non lle desexaba mal ningún e intentou convencelo para que abxurase. Así e todo, Pantaleón confesou abertamente a súa fe e como proba de ser Xesús o verdadeiro deus curou un paralítico, secasí o emperador sentenciouno a morte. Primeiro intentaron queimalo, mais o lume apagouse, deseguido mergullárono en chumbo derretido pero milagrosamente arrefriou. Despois guindárono ao mar cunha pedra atada no pescozo, pero a pedra comezou a aboiar. Máis adiante intentárono con feras pero no canto de esnaquizalo agarimábano, seguidamente amarrárono a unha roda pero as cordas e a roda quebraron. Fíxose unha tentativa de escabezalo, mais a espada alombábase. Reiteradamente Pantaleón oraba a Deus para que perdoase os seus verdugos. Finalmente feneceu, logo de dar o seu consentimento, ao escabezalo baixo unha figueira seca que floreceu ao recibir o seu sangue.

Os textos haxiográficos que conteñen eses acontecementos milagreiros son serodios e con pouco valor[1]. Existen testemuños da súa verenación no século V, entre outros o sermón dos mártires de Teodoreto (finado c. 460);[2] Procopio de Cesarea (finado c. 562) afirma en De aedificiis Justiniani que o emperador Xustiniano I reedificou un santuario dedicado a Pantaleón en Nicomedia; e hai unha mención á súa figura no Martyrologium Hieronymianum.

Reliquias[editar | editar a fonte]

Seguindo a tradición numerosas igrexas afirman contar con reliquias do santo, as máis coñecidas son a basílica de Saint-Denis en París e a catedral do Porto. O seu brazo consérvase na igrexa de San Pantalon en Venecia; e a súa cabeza en Lión. O seu sangue conservábase orixinalmente nun único e gran recipiente custodiada na igrexa dedicada ao Santo en Ravello e máis tarde transladouse ao Duomo desa localidade. Os bispos de Ravello comezaron a doar pequenas cantidades a outras localidades, e así existen ampolas custodiadas en Constantinopla, Montauro, Martignano, Limbadi, Caiazzo, na igrexa do Purgatorio de Lanciano, na igrexa do Santísimo Salvador en Irsina e no mosteiro da Encarnación de Madrid.

Aparece representado cunha pequena cruz e un escalpelo, ou ben, ao pé dunha oliveira ou figueira seca.

É avogoso dos que teñen dores de cabeza, dos tuberculosos e contra da praga de lagosta[3]

Os catorce santos auxiliadores

En Galicia é titular de dúas parroquias, San Pantaleón das Viñas e mais San Pantaleón de Cabanas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Klemens, Löffler (1911). "St. Pantaleon". The Catholic Encyclopedia 11. Robert Appleton Company. 
  2. Graecarum affectionum curatio, Sermo VIII, "De martyribus", publicado en Migne, Patrologia Graeca, LXXXIII 1033
  3. William A. Christian (1989) Local Religion in Sixteenth-century Spain Princeton University Press, p. 71