Pancracio de Roma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pancracio
Pankratius (2).jpg
Biografía
Nacemento289 en Frixia, Asia Menor
Pasamento12 de maio de 304 en Vía Aurelia, Roma
Proceso de canonización
Beatificación, en
Canonización, en
Veneración
Venerado/a enIgrexa Católica Romana
Festividade12 de maio

Pancracio (do grego Pankratios, de pan, todo, e krates, poderoso [1] foi un cidadán romano que se converteu ao cristianismo, polo que morreu decapitado no ano 304, con 14 anos de idade. Foi un dos mártires dos primeiros tempos do cristianismo que máis fama alcanzaron posteriormente.

A pesar do inseguro das noticias auténticas que se conservan sobre a súa vida e morte, gozou durante séculos dun culto moi intenso e moi difundido. Ó sufrir o martirio apenas adolescente, a súa figura foi presentada como modelo da fortaleza que dá a fe, a cal, segundo a frase evanxélica, obtén da boca dos nenos un perfecto encomio de Deus, selada no caso de Pancracio polo testemuño do seu sangue. Pola mesma razón, invocábase contra os falsos testemuños.

A primeira noticia que sobre Pancracio coñecemos, é a basílica construída sobre o seu sepulcro cara ao ano 500, en Roma. Un século despois, San Gregorio Magno predicou nela unha homilía con ocasión do seu natalicio. Despois son xa máis frecuentes as noticias.

A historia sobre a súa vida e martirio é tardía, probablemente do século VI, e lendaria. Segundo ela, Pancracio nacera en Frixia, de pais ricos e pagáns. Ao morrer en último lugar o seu pai, encomendouno ao seu irmán, chamado Denís; tío e sobriño marcharon a Roma e establecéndose no monte Celio. Alí estaba refuxiado o papa Cornelio, que logra convertelos ó cristianismo. Moi pronto Pancracio preséntase a Diocleciano, que tenta facelo apostatar sen conseguilo, polo que o condena a ser decapitado. A sentenza cúmprese xunto á vía Aurelia. Unha muller chamada Octavila recolleu o seu corpo e enterrouno nun cemiterio da zona, onde logo se edificou a súa basílica.

Como se ve, o relato contén graves anacronismos, pois, segundo el, Pancracio é bautizado polo papa San Cornelio (†253), mentres que morre na persecución de Diocleciano cando aínda tiña uns 15 anos (304). O intento de corrixir estes erros e facer que a Paixón de San Pancracio resulte máis verosímil, sería a causa das varias versións hoxe existentes.

A partir do século VI, ao difundirse as súas reliquias, esténdese tamén o seu culto, facéndose moi popular, e entrando o seu nome en todos os martiroloxios. En España non se coñeceu a súa paixón durante o período visigótico, pero si se lía o seu nome nalgúns calendarios mozárabes. En Galicia invocábase para atopar traballo: San Pancracio, saúde e traballo [2]. É o patrón de Enfermería na Universidade de Santiago de Compostela.

É representado moi novo, case neno, vestido coa túnica romana, curta e cinxida, ou co traxe militar, e cos atributos de mártir: a palma do martirio e a espada coa que foi degolado. Celébrase a súa festa o 12 de maio, xunto ós santos Nereo, Aquileo e Domitila.

San Pancracio é considerado -recentemente, segundo Ferro Ruibal- como o santo dos afligidos pola pobreza, da fortuna e dos xogos de azar. Por este motivo vese a súa imaxe nos negocios conxuntamente cun floreiro que leva unha rama de perexil, e cando circulaba a peseta púñaselle unha moeda de 50 céntimos ou de 25 pesetas (as cales tiñan un buraco central, a primeira circulaba durante mediados do século XX, a segunda a finais do mesmo e até 2002) no seu dedo índice. Esta imaxe do santo non se pode mercar senón que ten que ser regalada.

Dúas romarías que renden culto á figura de San Pancracio son as de La Roda de Andalucía (Sevilla), durante o segundo fin de semana de maio, e a de Valverde del Camino (Huelva), que ten lugar no mes de xuño, ambas as dúas en Andalucía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O seu nome en grego significa literalmente "todo poderoso" (Ferro Ruibal, 419).
  2. Ferro, 419.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • FERRO RUIBAL, X.: Diccionario dos nomes galegos, Ir Indo, Vigo 1992.
  • A. RIMOLDI e D. BALBONI, Pancrazio, en Bibl. Sanct. X, 82 ss.
  • H. LECLERCQ, Pancrace, en DACL XIII, 1002 ss.
  • P. FRANCHI DE'CAVALIERI, Della leggenda dei S. Pancrazio romano, «Studi e T'esti», 19 (1907) 77 ss.
  • L. VIVES, A. FABREGA, Calendarios hispánicos anteriores ao século XIII, «Hispania sacra», 3 (1950) 1949
  • A. RIMOLDI, M. C. CELLETTI, Pancrazio dei Roma, en Bibl. Sanct. 10, 82-89.

Referencias[editar | editar a fonte]