Partido Animalista Contra o Maltrato Animal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "PACMA")
Partido Animalista Contra o Maltrato Animal
Partido político de España
Pacma.gif
Dirixentes e organización
Líder Silvia Barquero Nogales[1]
Historia
Fundación 24 de febreiro de 2003
Posicións políticas
Ideoloxía Dereitos dos animais
Movemento de liberación animal
Ecoloxismo
Democracia participativa
Pacifismo
Ecosocialismo
Posición política Esquerda / centro esquerda
Outros datos
Sede C/ Preciados 11, 28013 Madrid
Páxina web www.pacma.es
Manifestación antitaurina cun cartel do PACMA.

O Partido Animalista Contra o Maltrato Animal (PACMA, en castelán: Partido Animalista Contra el Maltrato Animal) é un partido político español que loita polos dereitos dos animais, o medio ambiente e a xustiza social. Así mesmo, defende a promoción do vexetarianismo e veganismo.[2] Fundouse en Bilbao o 24 de febreiro de 2003 e a súa sede central atópase en Madrid.

Historia[editar | editar a fonte]

Xurdiu orixinalmente co nome de Partido Antitaurino Contra el Maltrato Animal a partir da unión de diversos colectivos antitaurinos e de defensa dos animais. O 25 de xuño de 2011, na Asemblea Estatal do partido, cambiouse o nome ao actual.[3]

Programa[editar | editar a fonte]

O programa político do Partido Animalista ten por obxectivo a defensa dos dereitos dos animais e avanzar cara a unha sociedade máis xusta para todos, reconsiderando o trato que se dá aos animais. Para iso deféndense medidas para fomentar as adopcións de animais, o endurecemento das penas do Código penal por malos tratos animais, a legalización do acceso dos animais aos transportes públicos e o fin dos espectáculos con animais (circos, corridas de touros e festexos taurinos, festexos populares, zoolóxicos, acuarios...). Outras das medidas defendidas son a prohibición da caza e a pesca deportiva, o peche das granxas peleteiras e granxas de foie-gras e o desenvolvemento de alternativas á experimentación con animais. Así mesmo, promove a liberdade de elección e o acceso á alimentación vegana mediante unha opción de menú sen alimentos de orixe animal nos comedores dos centros públicos.

Resultados electorais[editar | editar a fonte]

Eleccións municipais[editar | editar a fonte]

Os primeiros comicios aos que se presentou o PACMA foron as eleccións municipais de 2003, onde a súa presenza foi practicamente simbólica.

Nas eleccións municipais de 2007, o PACMA presentouse en 12 concellos (Amposta, Barcelona, Camarles, Guadalaxara, León, Madrid, Málaga, Sevilla, Tordesillas, Valladolid, Vitoria e Zaragoza), non conseguindo ningún concelleiro pero obtendo 10.601 votos. Naquelas eleccións, o músico Elliott Murphy realizou un concerto gratuíto en Barcelona como apoio ao PACMA.[4]

Nas eleccións municipais de 2011, o PACMA presentouse en 34 municipios obtendo 26.384 votos (0,12%). Nas eleccións municipais de 2015 duplicou os resultados dos seus anteriores comicios (55.228 votos) a pesar de presentarse tan só en 29 municipios.

Ano Votos  % Concelleiros
2007 10 601 0
2011 26 384 0
2015 55 228 0,25 0

Eleccións autonómicas[editar | editar a fonte]

Nas eleccións autonómicas de 2007, o PACMA presentouse só en dúas autonomías (Comunidade de Madrid e Cantabria) obtendo un apoio de 7.089 votos entre ambas. Nas eleccións autonómicas de 2011, o PACMA obtivo 36.926 votos.

Destacan así mesmo os resultados electorais en Cataluña, onde o Partido Animalista pasou de obter 14.238 votos en 2010 a obter 20.861 votos en 2012 e en Andalucía, onde pasou de 8.781 votos en 2012[5] a 31.735 votos en 2015,[6] triplicando os seus resultados nesta última comunidade.

Nas eleccións autonómicas de 2015, o PACMA concorreu en 13 autonomías e triplicou os seus resultados, obtendo 102.700 votos. En Cataluña as eleccións celebráronse meses despois, en setembro, e a formación obtivo 28.897 votos.

Ano Votos  % Deputados
Cataluña 2006 13 730 0,47 0
Autonómicas 2007 7089 0
Cataluña 2010 14 238 0,45 0
Autonómicas 2011 36 926 0
Cataluña 2012 20 861 0,57 0
Andalucía 2012 8781 0,23 0
Andalucía 2015 31 735 0,80 0
Autonómicas 2015 102 700 0
Cataluña 2015 29 371 0,73 0

Eleccións xerais[editar | editar a fonte]

Nas eleccións xerais de 2004, o PACMA presentou candidaturas ao Senado en 16 provincias españolas, obtendo un total de 64.947 votos, sendo a segunda forza extraparlamentaria máis votada. Para as eleccións xerais de 2008, o PACMA presentou candidaturas para o 90% das circunscricións, tanto no Congreso como no Senado. O PACMA obtivo 44.795 votos ao Congreso, sendo a cuarta forza extraparlamentaria; no Senado obtivo 132.077 votos.[7]

Para as eleccións xerais de 2011, o PACMA presentouse en 47 das 52 circunscricións electorais españolas. A falta do reconto do voto de residentes no estranxeiro, o resultado foi de 374.483 votos para o senado e 102.144 votos (0,41%) para o Congreso,[8] sendo un dos partidos que máis mellorou os seus resultados respecto de 2008, converténdose na segunda forza extraparlamentaria en España. Nestas eleccións, por primeira vez, o PACMA ampliou o seu programa electoral a cuestións sociais que afectan os humanos: educación e sanidade pública de calidade, etc.[9]

Nas eleccións xerais de 2015, o PACMA presentouse por primeira vez en todas as circunscricións,16 e duplicou os seus resultados ao recibir máis de 220.369 votos (0.87%) para o Congreso,[10] superando a formacións con presenza previa no Congreso como UPyD e Unió, e converténdose na principal forza extraparlamentaria en España.[11][12] Entre todos os seus candidatos ao Senado acumularon máis dun millón de votos, pero non obtiveron representación na cámara.[13][12]

Nas eleccións xerais de 2016 presentouse novamente en todas as circunscricións[14] conseguindo 286.702 votos para o Congreso e 1.213.871 votos ao Senado,[15] quedando novamente sen representación parlamentaria, superando en votos a outras formacións que sí conseguiron representación como EH Bildu e Coalición Canaria e sendo a primeira forza extraparlamentaria de España.[16]

Resultados electorais nas eleccións ao Congreso
Ano Votos  % Deputados
2008 44 795 0,14 0
2011 102 144 0,42 0
2015 220 369 0,87 0
2016 286 702 1,19 0
Resultados electorais nas eleccións ao Senado
Ano Votos  % Senadores
2004 64 497 0
2008 132 077 0
2011 374 483 0
2015 1 034 617 0
2016 1.213.871  0

Eleccións europeas[editar | editar a fonte]

O PACMA presentouse por primeira vez aos comicios europeos nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2009, nas cales obtivo 41.913 votos (0,27%), sendo a novena forza máis votada e a terceira entre as que non obtiveron representación. Obtivo os seus mellores resultados en Cataluña, co 0,56% dos votos.[17]

Nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2014, o Partido Animalista cuadriplicou os seus resultados cun total de 177.499 votos (1,13%) sendo a 12ª forza máis votada e a segunda sen representación parlamentaria.[18]

Ano Votos  % Deputados
2009 41 913 0,26 0
2014 177 499 1,13 0

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Partido Animalista Contra o Maltrato Animal Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]