Ouriceira
Unha ouriceira é unha construción tradicional para gardar os ourizos das castañas no mesmo souto onde se recollen. Consiste nun valadiño circular de pedra (cachotaría), construído de forma rudimentaria, (dun e medio a metros de diámetro e dun de altura, aproximadamente) cunha entrada nun dos puntos, na que ás veces se lle pon un portelo, chamado porteleiro. No interior déitanse os ourizos aínda sen abrir que se chimpan do propio castiñeiro cunha avaloira ou taloira para posteriormente cubrilos de follas secas de castiñeiro, de xeito que se poden conservar por varios meses. Posteriormente sácanse pola apertura cun angazo ou cun pau en forma de pinza chamado petela. En zonas de Lugo tamén se lles chama uriceiras, uricieiras, corripas ou corrizas.
Son propios das montesías dos Ancares e do Courel.
A súa funcionalidade viña determinada pola necesidade existente nas serras de protexer as castañas de animais como o xabarín ou o porco bravo.
Na actualidade as castañas da ouriceira son menos apreciadas que as outras xa que collen un sabor pouco agradable coñecido como "saber a ouriceira", sendo esta unha das posibles causas do actual abandono progresivo do seu uso.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ouriceira |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Manuel Caamaño Suárez (2006). Galicia, As Construcións da Arquitectura Popular. Patrimonio etnográfico de Galicia, (páxs. 279-280). Hércules de Ediciones. ISBN 84-96314-34-0.