Oude Kerk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Oude Kerk, Ámsterdam. Vista dende o Oudezijds Voorburgwal.

A Oude Kerk ("Igrexa vella") é o edificio máis antigo de Ámsterdam e a súa igrexa parroquial máis antiga, consagrada en 1306 polo bispo de Utrecht con san Nicolao como o seu santo patrón. Logo da Reforma en 1578, transformouse nunha igrexa calvinista, o que continúa sendo até os nosos días. Atópase en De Wallen, na actualidade a principal zona vermella de Ámsterdam. A praza que rodea a igrexa é a Oudekerksplein.

Historia[editar | editar a fonte]

No sitio onde se atopa emprazada a Oude Kerk antigamente atopábase unha igrexa de madeira. Foi substituída por unha capela de pedra e consagrada en 1306.

A igrexa sufriu unha serie de renovacións realizadas ó longo de 15 xeracións de cidadáns de Ámsterdam. Cincuenta anos despois da súa construción realízase a primeira reforma, as capelas laterais alónganse e estrutúranse arredor do coro nun semicírculo para soster a estrutura. A comezos do século XV agregáronse os transeptos norte e sur para xerar unha forma de cruz. Os traballos nestes cambios termináronse en 1460, aínda que é probable que as tarefas fosen interrompidas polos incendios que arrasaron a cidade en 1421 e 1452.

Antes do Alteratie, ou Reforma ocorrida en Ámsterdam en 1578, a Oude Kerk era unha igrexa católica. Logo da derrota dos españois a mans de Guillerme "O Taciturno" durante a Guerra dos Oitenta Anos, a igrexa foi tomada pola Igrexa reformada neerlandesa calvinista. Durante as diversas batallas que tiveron lugar durante o século XVI, en varias ocasións a igrexa foi obxecto de pillaxe e danos, primeiro durante o Beeldenstorm de 1566, cando unha turba destruíu a maioría das obras de arte e decoracións da igrexa, incluído unha peza no altar cun panel central obra de Jan van Scorel e paneis laterais a ambos os dous lados obras de Maarten van Heemskerck. O único que sobreviviu foron as pinturas do teito xa que eran inaccesibles.[1]

Os habitantes locais reuníanse na igrexa para chismosear, os mercachifles vendían as súas mercadorías e os esmoleiros buscaban refuxio. Este comportamento non foi tolerado polos calvinistas, e os esmoleiros foron expulsados. En 1681 clausurouse o coro cunha malla de bronce. Por sobre a malla lese o seguinte texto, “As prácticas falsas introducidas gradualmente na igrexa de Deus, foron aquí desfeitas no ano setenta e oito,” en referencia á Reforma de 1578.

Ese mesmo ano, a Oude Kerk converteuse na sede do rexistro de casamentos. Tamén albergou os arquivos da cidade, os documentos máis importantes gardábanse nun arcón enchapado en placas de ferro e pintado co escudo de armas da cidade. O arcón almacenábase nunha capela de ferro.

Rembrandt foi un asiduo visitante da Oude Kerk e todos os seus fillos foron bautizados alí. É o único edificio de Ámsterdam que gardou as súas formas orixinais dende que Rembrandt o percorreu. No Santo Sepulcro existe unha pequena exhibición de Rembrandt, un altar dedicado á súa esposa “Saskia” van Uylenburgh que repousa alí dende 1782.

Notas[editar | editar a fonte]