Este lenzo pertence á época de madureza (década de 1890) na que Cézanne produciu os seus principais lenzos. Exemplifica os cadros nos que os personaxes están fortemente ancorados no seu decorado.[2] É un período no que Cézanne foi convidado a expor co grupo Les XX en Bruxelas e, máis tarde, celebrou a súa primeira exposición en París.[3]
Todos os volumes están definidos de xeito xeométrico[3], o que confire aos dous personaxes unha dignidade clásica. Son dous campesiños que xogan ás cartas, cunha botella de viño no medio, na que se reflicte a luz[1] Distorsionando a visión perspectiva, Cézanne logra obter o máximo grao de centralidade, que resulta incrible nunha escena de vida. Toda a tea está construída con tons das cores azul, amarelo e vermello. Esta restrición cromática «intensifica a sensación de austeridade formal».[3] As pinceladas preséntanse solitarias e sintéticas, como o reflexo sobre a botella ou o sinxelo trazo que describe o ollo do xogador da dereita. Pinta coa técnica do facetado, o que é evidente na cara do xogador da esquerda. Este leva un chapeu de forma cilíndrica, o que lembra a afirmación de Cézanne de que
«Todo na natureza está modelado segundo a esfera, o cilindro e mailo cono»
No cadro de Cézanne, non só achega unha impresión, senón tamén unha descrición do senso interno da acción, como se fose a síntese destinada a permanecer na mente, case calcificada e baixo a forma da lembranza.