Orquestra Metropolitana de Lisboa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Orquestra Metropolitana de Lisboa ou OML é unha das principais orquestras de Portugal, nada o 10 de xuño de 1992 e sendo tutelada pola Associação Música - Educação e Cultura. O seu repertorio comprende dende o Barroco ata a música contemporánea e a ópera, ademais doutros xéneros como o jazz ou o fado. Actualmente o seu director artístico é o mestro Cesário Costa. A actual dirección está constituída polo mestre Cesário Costa (Presidente), o Dr. João Villa-Lobos e o profesor e pianista Paulo Pacheco (Vogais).

Historia[editar | editar a fonte]

A Orquestra Metropolitana de Lisboa (OML) estreouse o día 10 de xuño de 1992, e dende aquela ten contribuído á creación de novos públicos e consolidado o carácter innovador do proxecto da Metropolitana. Esta entidade, que tutela a orquestra, ten como principais singularidades a interligazón entre a dimensión artística e a práctica pedagóxica das súas escolas –a Academia Superior de Orquestra, a Escola Profissional e o Conservatorio de Música da Metropolitana– e unha decidida actuación no dominio da responsabilidade social, de que é exemplo a introdución do ensino musical integrado nas escolas da Casa Pia de Lisboa levada a cabo nos últimos anos. Tamén ten a responsabilidade de asegurar unha programación regular en varias autarquías da rexión centro e sur, para promover unha efectiva descentralización cultural do norte ao sur do país.

Desde o seu inicio, a OML afirmouse como unha referencia do panorama orquestral portugués. Fóra de Portugal, presentouse en Estrasburgo e Bruxelas ao cabo dun ano da súa fundación. Dende aquela ten tocado en Italia, India, Corea do Sur, Macau, Tailandia e Austria. En xullo do 2009 viaxou a Cabo Verde, sendo a primeira vez que unha orquestra clásica viaxou ao arquipélago. A finais de decembro de 2009 e principios do 2010, realizou unha xira pola China.

Discografía[editar | editar a fonte]

A OML ten gravado once CDs, sendo un deles disco de platino. Entre as discográficas para as que gravou a Metropolitana cómpre sinalar EMI Classics, Naxos e a RCA Classics.

Directores e solistas convidados[editar | editar a fonte]

Dende a súa constitución, a Metropolitana foi presidida polo mestre Miguel Graça Moura, ocupando ese lugar dende novembro do 2003 ata novembro do 2008 pola pianista Gabriela Canavilhas. Ao longo dos anos foi dirixida polas máis importantes personalidades da dirección orquestral portuguesa e por numerosos directores estranxeiros entre os que figuran: Arild Remmereit, Nicholas Kraemer, Lucas Paff, Joana Carneiro, Jean-Sébastien Béreau, Álvaro Cassuto, Cesário Costa, Brian Schembri, Manuel Ivo Cruz, Michael Zilm, Victor Yampolsky, Christopher Hogwood e Theodor Guschlbauer.

Colaborou con grandes solistas como Maria João Pires, José Cura, Monserrat Caballé, Kiri Te Kanawa, José Carreras, Felicity Lott, Elisabete Matos, Leon Fleisher, Natalia Gutman, Augustin Dumay, Oleg Marshev, Pascal Rogé, Artur Pizarro, Tatiana Nikolayeva, Anabela Chaves, Anne Queffélec, Irene Lima, Paulo Gaio Lima, Eric Stern, Gerardo Ribeiro e António Rosado. Máis recentemente, sumáronse nomes como António Meneses, Sol Gabetta, Michel Portal, Marlis Peterson, Thomas Walker e Dietrich Henschel.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]