Original Six

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Partido entre os Maple Leafs e os Red Wings disputado na 1942-43, primeira tempada da era do Original Six.

Original Six é o termo empregado para referirse ao grupo de seis equipos de hóckey sobre xeo que formaron parte da National Hockey League dende a tempada 1942-43 ata a expansión de 1967, cando a participación aumentó a 12 franquías. Os equipos que pertencen a este grupo son os Montreal Canadiens, Toronto Maple Leafs, Boston Bruins, Detroit Red Wings, Chicago Black Hawks e New York Rangers.[1]

Aínda que a expresión se traduza literalmente en galego como Os seis orixinais, non significa que foran etes seis equipos os fundadores da NHL, de feito tan só Montreal Canadiens e Toronto Maple Leafs están presentes dende a primeira tempada da liga, mentres que os Boston Bruins se incorporaron en 1924 e o resto o fixeron en 1926. O termo fai referencia aos únicos equipos participantes na NHL durante 25 tempadas consecutivas nas que non houbo ningunha expansión a outras franquías.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

A National Hockey League foi fundada en 1917 por catro equipos canadenses: Montreal Canadiens, Montreal Wanderers, Toronto Arenas (actualmente denominados Maple Leafs) e Ottawa Senators.[3] Logo de sufrir varios cambios nos seus participantes, o campionato quedouse con 10 equipos na década de 1920 coa entrada dos Boston Bruins en 1924,[nota 1] e en 1926 dos New York Rangers, Detroit Cougars (actualmente denominados Red Wings) e Chicago Black Hawks, entre outros equpos.[4]

No entanto, a Gran Depresión afectou a varios participantes, que quebraron pola difícil situación económica en Norteamérica.[4] Tres das dez franquías (Ottawa Senators, Pittsburgh Pirates e Vancouver Maroons) deixaron de existir durante os anos 1930.[4] Por outra banda, a Segunda Guerra Mundial deixou ás franquías sen equipos a partir de 1939, xa que os xogadores -na súa maioría canadenses- alistáronse no exército ao entrar o seu país no conflito dende o primeiro día. Este feito provocou tamén a desaparición dos New York Americans en outono de 1942, deixando á NHL con seis equipos a partir da temporada 1942-43.[5]

O sistema de seis equipos mantívose durante 25 tempadas, e durante ese tempo non se produciu a entrada de ningunha otra franquía.[2] Tanto Clarence Campbell, presidente da NHL, coma os propietarios das franquías mantiñan un sistema pechado con criterios de admisión moi rigorosos, que adoitaban cambiar cada pouco tempo para impedir a chegada de novos equipos. Polo que respecta ao xogo, nesta etapa había unha liga regular na que os clubs se enfrontaban 14 veces por tempada, polo que as rivalidades eran frecuentes e a asistencia aos estadios moi superior.[2] Ao finalizar a liga regular, os catro mellores equipos se clasificaban para os play-offs, de onde saía o campión da Stanley Cup.[2]

A partir da década de 1960, a aparición de novas ligas de hockey sobre xeo no Canadá e os Estados Unidos ameazaba a hexemonía da NHL neste deporte. Neste sentido a Western Hockey League, considerada durante anos como unha liga menor, establecera franquías na Costa Oeste dos Estados Unidos, e moitos dos seus xogadores acadaran un nivel similar ao dos xogadores da NHL.[6] Por último, as canles de televisión estadounidenses mostraran o seu interese en asinar un contrato coa CBS superior ao millón de dólares,[7] polo que Clarence Campbell abriu o campionato a máis franquías. En 1967 anunciouse unha expansión de seis a 12 equipos, coa chegada dos California Seals, Los Angeles Kings, Minnesota North Stars, Philadelphia Flyers, Pittsburgh Penguins e St. Louis Blues.[8]

Actualmente, todas as franquías que formaron parte do Original Six continúan existindo, sen cambios de identidade ou traslados.[2]

Xogadores[editar | editar a fonte]

O sistema de competición da época do Original Six era bastante restrinxente á hora de obter novas promesas. Segundo as normas da NHL, un equipo tiña dereitos exclusivos á hora de fichar a un xogador promesa se este se encontraba dentro dunha área de 50 millas de distancia desde a sede da franquía.[9] Se o xogador estaba fora desta área podía negociar con calquera equipo. A medida beneficiou aos equipos canadenses, xa que a maior parte dos xogadores eran desa nacionalidade, e aos Detroit Red Wings, que podían dispoñer de dereitos exclusivos sobre xogadores do sur de Ontario. Esta norma mantívose ata a introdución do draft en 1963.[9] Isto tamén limitou os traspasos entre as franquías.[10]

Cada equipo podía asinar acordos de colaboración con clubs de ligas inferiores, medida coñecida como sponsorship list (acordo de patrocinio). Na práctica, todos os equipos recrutaban xogadores canadenses, ao contar ese país coas divisións menores máis desenvolvidas, en detrimento dos xogadores estadounidenses.[9] Unha excepción foron os Chicago Black Hawks, cuxo propietario nos anos 1940, o Mayor Frederic McLaughlin, contratou xogadores dos Estados Unidos na medida do posible. No entanto, os sextetos iniciais estaban formados case en exclusiva por xogadores do Canadá, e os xogadores estadounidenses preferiron outras competicións. A medida tamén afectou aos xogadores europeos: o único xogador procedente do vello continente que formou parte dun equipo do Original Six foi o sueco Ulf Sterner, que xogou nos New York Rangers en 1965.[11]

Aínda que se considera 1942 como o primeiro ano da era do Original Six, non foi ata a tempada 1959-60 cando todos os xogadores xogaran só nun dos seis equipos. O último xogador que non entraba nesta categoría, Ken Mosdell (presente en New York Americans) retirouse en 1959. Por outra banda, o último xogador que formou parte da era do Original Six foi Wayne Cashman, que debutou cos Boston Bruins en 1964 e se retirou en 1983 co mesmo club.[12]

Críticas[editar | editar a fonte]

A principal crítica á era do Original Six foi o sistema pechado de competición a seis equipos, no que a NHL permitía prácticas monopolísticas. Por exemplo, James Norris Sr. foi o propietario dos Detroit Red Wings e posuía un importante paquete accionarial nos New York Rangers. Á súa vez, o seu fillo Bruce Norris herdou o cargo en Detroit en 1955, mentres que James D. Norris fíxose cargo dos Chicago Blackhawks en 1946.[13] Ademais, a entrada doutros clubs era moi complicada, xa que os criterios de ingreso eran modificados cada ano e non eran asumibles para novas franquías.[2]

A baixa participación a seis franquías puxo en cuestión a competitividade da NHL, xa que moitos consideraban que a clasificación para unha fase final de catro equipos era moi sinxela. Durante as 25 tempadas que durou esta etapa, os campións da Stanley Cup foron os dous equipos canadenses -Montreal Canadiens e Toronto Maple Leafs- mais Detroit Red Wings.[10] Só un equipo, Chicago Black Hawks, rompeu esa tónica coa súa vitoria na tempada 1960-61, mentres que Rangers e Bruins non gañaron ningún título en todo ese tempo.[14]

Ademais, tamén se puxeron en cuestión os dereitos laborais dos xogadores.[15] O sindicato de xogadores, coñecido como NHL Players' Association, non se formou ata 1967, e todos os intentos para crear unha asociación foron detidos polos propietarios das franquías.[15] No que respecta aos ingresos particulares, os xogadores non podían obter beneficios de promocións, patrocinios ou cromos, a diferenza do que ocorría cos xogadores das Grandes Ligas de Béisbol. Aínda que en 1946 a NHL creou un sistema de pensións para xogadores retirados, boa parte dos beneficios estiveron baixo o control dos propietarios das franquías ata o final da era, e non se coñeceu a cuantía total do fondo ata finais da década de 1980.[15]

Estatísticas[editar | editar a fonte]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Montreal Canadiens (na imaxe, o equipo de 1942) foi o equipo que máis veces gañou a Stanley Cup na era do Original Six.
Equipo Cidade Dende Stanley Cup Tempadas
Montreal Canadiens Flag of Canada.svg Montreal 1917 10 1943/44, 1945/46, 1952/53, 1955/56, 1956/57,
1957/58, 1958/59, 1959/60, 1964/65, 1965/66
Toronto Maple Leafs Flag of Canada.svg Toronto 1917 9 1944/45, 1946/47, 1947/48, 1948/49, 1950/51
1961/62, 1962/63, 1963/64, 1966/67
Detroit Red Wings Flag of the United States.svg Detroit 1926 5 1942/43, 1949/50, 1951/52, 1953/54, 1954/55
Chicago Black Hawks Flag of the United States.svg Chicago 1926 1 1960/61
Boston Bruins Flag of the United States.svg Boston 1924 0 -
New York Rangers Flag of the United States.svg Nova York 1926 0 -

Partidos[editar | editar a fonte]

X G P E Pts
Montreal Canadiens 1.640 855 537 248 1.958
Detroit Red Wings 1.640 784 572 284 1.852
Toronto Maple Leafs 1.640 725 623 292 1.742
Chicago Black Hawks 1.640 594 779 267 1.455
Boston Bruins 1.640 578 781 281 1.437
New York Rangers 1.640 503 843 294 1.300

X = Partidos Xogados; G = Partidos Gañados; E = Partidos Empatados; P = Partidos Perdidos; Pts = Puntos

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os Bruins foron o primeiro equipo dos Estados Unidos que participou na NHL.
Referencias
  1. Bill Sports Maps, ed. (27 de decembro de 2009). "National Hockey League. “Original Six” era, with map of 1966-67 season" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Sports Illustrated, ed. (5 de outubro de 2009). "It's all about the Six" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2010. Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  3. Hockey Database (ed.). "1917-18 National Hockey League Standings" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 ESPN, ed. (27 de febrero de 2007). "Do Original Six teams still matter in the NHL?" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  5. Sports Encyclopedia (ed.). "New York Americans" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  6. DiFranco, Aaron; Goggans, Jan. "The Pacific Region" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  7. The Star (ed.). "Wirtz dusts off sale sign" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  8. Greatest Hockey Legends (ed.). "1967 NHL Expansion" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  9. 9,0 9,1 9,2 About.com (ed.). "Did the Montreal Canadiens ever have exclusive rights to players from Quebec?" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  10. 10,0 10,1 Canada.com (ed.). "Why we miss the Original Six" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2007. Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  11. Federación Internacional de Hockey sobre Xeo (ed.). "Swede Ulf Sterner - the first European in the NHL" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  12. Legends of Hockey (ed.). "Wayne John Cashman" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  13. Sports Illustrated, ed. (2 de febreiro de 1959). "Black Hawks On The Wing" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2011. Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  14. New York Rangers (ed.). "The Original Six Era" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 
  15. 15,0 15,1 15,2 The Star, ed. (30 de abril de 2010). "Young: Ted Lindsay goes from terrible to venerated" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2014. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Diamond, Dan (1991). McClelland & Stewart, ed. The Official National Hockey League 75th Anniversary Commemorative Book. ISBN 0-7710-6727-5.