Saltar ao contido

Olimpíada Popular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Placa no Estadio Olímpico de Barcelona na honra de Lluís Companys, presidente do comité organizador.

A Olimpíada Popular de Barcelona foi un evento multideportivo de carácter antifascista, alternativo aos Xogos Olímpicos de Berlín de 1936, e que non se puido levar finalmente a cabo, dado que o 18 de xullo tivo lugar o levantamento militar que daría inicio á guerra civil española.[1][2] Lluís Companys foi nomeado presidente de honra.[2] Estaba previsto que a Olimpíada Popular comezase o 19 de xullo de 1936 e durase unha semana, até o 26 de xullo.

Barcelona presentouse como candidata a organizar os Xogos Olímpicos de 1936. Logo do éxito da Exposición Internacional de Barcelona de 1929, considerábase a cidade ideal para organizar uns Xogos. A situación política de 1931, data da designación, era moi convulsa en España e o Comité Olímpico Internacional (COI) decantouse por Berlín como cidade designada para organizar a décimo primeira cita olímpica da era moderna. Alemaña era daquela un país democrático e non foi até 1933 que os nazis chegaron ao poder e se estabeleceu o Terceiro Reich.

A preparación dos Xogos de Berlín tiña como obxectivo facer unha apoloxía do nazismo e dos seus valores raciais e militares, o que vai totalmente en contra do espírito olímpico, tanto na antigüidade clásica como na moderna. Houbo protestas en todo o mundo, especialmente de organizacións xudías e de esquerdas, mais finalmente o COI mantivo os Xogos en Berlín. Barcelona decidiu organizar unha celebración alternativa, a Olimpíada Popular, co obxectivo de recuperar o verdadeiro espírito olímpico, a paz e a solidariedade entre as nacións, todo o que se estaba a negar na organización dos Xogos de Berlín coa complicidade do COI.

A Olimpíada Popular de Barcelona tiña unha clara vontade antifascista, unha especie de contraolimpiadas que abandeiraban o deporte afeccionado e denunciaban os Xogos Olímpicos na Alemaña nazi e, polo tanto, o apoio ou rexeitamento a si mesmo tiña unha implicación política. As federacións e os propios deportistas, tanto españois como estranxeiros, foron sometidos a diferentes presións políticas para acudir ou non á cita.

A organización da Olimpíada Popular descansaba sobre todo na actividade de moitas entidades catalás, a maioría integrantes do Comité Catalán de Deportes Populares, que se integraron no Comité Organizador da Olimpíada Popular (COOP), que contou co apoio da Generalitat de Cataluña.[3] O comité executivo da COOP estaba presidido por Josep Anton Trabal, un veterano líder deportivo que daquela era membro de Esquerra Republicana.[3] Entre as múltiples entidades do COOP, as seccións deportivas do CADCI e do Ateneu Enciclopèdic Popular, o Centre Gimnàstic Barcelonès e o Club Feminino e Deportivo de Barcelona, pero había moitos máis nos barrios populares de Barcelona e nas principais cidades catalás.[3]

A proposta da Olimpíada Popular foi criticada pola dereita política, algúns medios conservadores e algunhas autoridades deportivas, que tentaron quitarlle toda a lexitimidade olímpica á proposta de Barcelona.[3] Intentaron facer ver que serían uns Xogos sen deportistas de alto nivel ou incidiron na politización da proposta baseada nos valores da igualdade e da fraternidade, argumentando que os Xogos de Barcelona foron unha operación de inspiración comunista.[3]

Porén, o traballo desenvolvido polo COOP (Comité Organizador da Olimpíada Popular) para acadar a máxima participación posible permitiu a presenza de 23 delegacións, entre elas as dos Estados Unidos, Francia, Suíza e Inglaterra. Tamén houbo representacións de deportistas emigrantes xudeus, de Alsacia, o País Vasco, Galicia e Cataluña. O número total de deportistas inscritos foi de máis de 5.000,[2] sendo a maior delegación estranxeira a de Francia con 1.500 deportistas. Fíxose especial fincapé na participación das mulleres, que daquela tiñan dificultades para acceder ao deporte en igualdade de condicións.

A Olimpíada Popular tamén rachou co modelo de representación exclusivamente estatal, e abriron diferentes formas de participación con respecto á pertenza territorial. Estabelecéronse tres categorías: nacional, rexional e local. Deste xeito, as delegacións nacionais podían enviar tres representantes a cada deporte e entendíase que os Xogos Olímpicos non serían só unha competición entre estados, senón que deixaba aberta a porta á participación de equipos non estatais nas probas, como por exemplo Alsacia e Lorena, ou Marrocos baixo o dominio francés e o Marrocos español. Neste sentido, a COOP introduciu, sobre todo nos deportes de equipo, un sistema de delegacións que rompeu o monopolio estatal. Finalmente, a través das representacións locais, recuperou a idea cidadá do olimpismo grego, de que os participantes estaban representando cidades.

En total había competicións programadas en 16 deportes como fútbol, tenis, baloncesto, boxeo, atletismo, loita, pelota vasca e mesmo xadrez. Os gastos foron sufragados polo goberno francés (600.000 francos), o goberno español (400.000 pesetas) e a Generalitat de Catalunya (100.000 pesetas).[2] Francia tiña un goberno de esquerdas presidido por Léon Blum, e foron os que máis apoiaron a Olimpíada Popular.

20.000 visitantes chegaron a Barcelona co gallo da Olimpíada Popular, superando as previsións e creando problemas de aloxamento. O 18 de xullo, un día antes da inauguración oficial, celebrouse un ensaio xeral no Estadio de Montjuïc. A partir do 19 de xullo de 1936, porén, a guerra frustrou o proxecto que concibira o movemento deportivo popular catalán. A nova orde revolucionaria e as necesidades específicas do conflito bélico puxeron fin a Barcelona 1936, apenas unhas horas antes de que comezase. Porén, a organización da Olimpíada Popular non foi en balde, xa que chegados moitos atletas populares de todo o mundo que se sorprenderon en Barcelona polo comezo da guerra non dubidaron en alistarse na milicia popular para loitar contra o fascismo.[2] Foron os primeiros voluntarios estranxeiros nos exércitos republicanos, e o embrión do que logo serían as Brigadas Internacionais. O 24 de xullo, La Vanguardia lía: "Tal é o entusiasmo que espertou a causa republicana nestes deportistas, que moitos deles se enrolaron nas milicias populares, partindo para Zaragoza e outros puntos".[4]

  1. Generalitat de Catalunya (ed.). "Històric d'exposicions del Palau Robert". web. Consultado o 7 de xaneiro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "De la malfiança a la desfeta". Sàpiens: 56. setembro de 2013. ISSN 1695-2014. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Generalitat de Catalunya, ed. (19 de xullo de 2006). "El Memorial Democràtic recupera l'Olimpíada Popular del '36 en una exposició". 
  4. "Los atletas extranjeros elogian el heroísmo del pueblo catalán". La Vanguardia. 24 de xullo de 1936. Consultado o 6 de xullo de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pujadas, X; Santacana, C (2006). L'altra Olimpíada, Barcelona '36. Barcelona: Llibres de l'Índex. 
  • Ramis, Pau Tomàs (2020). Els mallorquins a l'Olimpíada que no fou. Valencia: Galés Edicions. 
  • Colomé, Gabriel (2008). La Olimpiada popular de 1936: deporte y política (en castelán). Barcelona: Institut de Ciències Polítiques i Socials. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]