Olimpio Arca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Olimpio Arca no IES Manuel García Barros da Estrada.

Olimpio Arca Caldas, nado en Cuntis en 1928 e finado na Estrada o 25 de novembro de 2014[1], foi un mestre e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou bacharelato por libre durante cinco anos co mestre Aurelio Rey, e os dous últimos cursos realizounos en Santiago de Compostela. Rematou en 1944, e un ano despois acadou o título de Mestre Nacional. Funda en Cuntis a Academia Lumen para alumnos de bacharelato, maxisterio e comercio.

En 1951 ingresou como factor de intervención na Renfe. En 1954 casou cunha muller da Estrada e foi vivir a esa vila. En 1957 pasou a ser correspondente do Banco de La Coruña en Cuntis, e en 1960 pasou a ser Mestre do maxisterio público. Desempeñou con cargo provisional as escolas de Graduado da Estrada (1961) e da unitaria masculina de Matalobos (1962). Ao mesmo tempo impartiu clases particulares na Academia San Pelayo da Estrada. Por concurso de traslados foi destinado en 1963 á escola masculina de Torea (Muros), e ao ano seguinte pasou á de Pexegueiro (Tui).

No curso 1967-68 diplomouse en Ciencias para impartir 7º e 8º curso de EXB. Ao mesmo tempo realizou un curso de asistencia psiquiátrica a nenos con discapacidade mental. En 1968 pasou a dar clase na escola masculina de Couso, que pasou a ser mixta. Neste centro comezou a escribir obras de teatro para a súa representación polo propio alumnado.

En 1970, ao se establecer o ensino obrigatorio ata os 14 anos, creouse a Agrupación Escolar de Couso, onde foi o promotor da construción dunha aula para o alumnado da segunda etapa. En 1978 inaugurouse o CP Villar Paramá, en San Xurxo de Vea, a onde pasou o alumnado da Agrupación Escolar de Couso. Por concurso de traslados, no curso 1981-82 pasou a ocupar a praza de mestre no CP de Figueiroa de Arriba (A Estrada), no que exerceu varios cursos como director ata a súa xubilación en 1993.

Premios[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa vida dentro do exercicio da docencia recibiu numerosos premios e distincións:

  • Premio Mantenga limpia España, do Ministerio de Información e Turismo (1970)
  • Certame do Día del Maestro, convocado pola Deputación de Pontevedra (1971)
  • Premio Embellecimiento de Pueblos, convocado pola Deputación de Pontevedra (1971, 1974 e 1976)
  • Premio de teatro escolar convocado pola Delegación de Xuventude (1973, 1974 e 1976)
  • Premio a traballo etnográficos con alumnos, convocado polo Museo de Pontevedra (1974, 1975, 1977, 1980 e 1992)
  • Primeiro Premio Xunta de Galicia con Castros da Estrada (1984)

Obra[editar | editar a fonte]

Olimpio Arca no IES Manuel García Barros da Estrada.

Ensaio[editar | editar a fonte]

Son moitos os ensaios saídos da súa pluma no tocante aos máis variados temas.

  • Mestres estradenses que fixeron escola (Concello da Estrada, 1993)
  • O carro do país (Museo do Pobo Estradense, 1994)
  • Memoría histórica do recreo cultural (Recreo Cultural, 1995)
  • O entroido no Ulla (Deputación de Pontevedra, 1995)
  • Waldo Álvarez Insua: Estradense, emigrante, escritor (Asoc. Fillos e Amigos da Estrada, 1997)
  • Emigrantes sobranceiros (Caixa de Pontevedra, 1998)
  • Canteiros de Cuntis (Caixavigo-Concello de Cuntis, 1998)
  • Xente na memoria: Manuel Bergueiro López (Museo do Pobo Estradense, 1998)
  • Certame escolar dos pereiriños (Colectivo Pereiriños, 2000)
  • Unha voz... Mary Isaura (Asoc. Fillos e Amigos da Estrada, 2001)
  • Bernardo Rodríguez Ribeira. Emigrante Sobranceiro (Fundación Cultural da Estrada, 2002)
  • Cuntis no recordo (edición do autor, 2003)

Teatro[editar | editar a fonte]

Durante os seus anos de docencia o teatro ocupou un espazo primordial e anos máis tarde moitas de estas obras pasarán dos escenarios ao libros.

  • Conversas coa Nobre Dama (Concello de Cuntis, 1999)
  • Pelexa no Souto (Ed. Fervenza, 2001)
  • Os reis do panchiño (Ed. Fervenza, 2002)
  • O enfermo 4M (Ed. Fervenza, 2003)
  • Soprar a tempo (Ed. Fervenza, 2004)
  • Mágoas de campesiños e señoritos (Ed. Fervenza, 2004)

Narrativa infantil-xuvenil[editar | editar a fonte]

  • Pedriño (Asoc. Val Miñor, 1992; 3º Premio Contos para nenos)
  • O tren (Ed. Fervenza, 2003)

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

  • "Os hórreos no Val de Vea", en I Congreso Europeo do hórreo (Edit. Compostela, 1990)
  • "Apuntes a unha biografía de M. Reimóndez Portela", en Manuel Raimóndez Portela. Na lembranza (Ed. do Castro, 1996)
  • Ademais colaborou con diferentes traballos en todas as edicións anuais de A Estrada. Miscelánea histórica e cultural(Museo do Pobo Estradense)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]