O violín de Sarasate

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O violín de Sarasate
Autor/aAlberto Fortes
OrixeGaliza
Linguagalego
Coleccióncolección Cómplice, nº 14
Xénero(s)Novela negra
Editorialedicións do Cumio
Data de pub.2002
Formatorústica con lapelas
145 x 200 mm
Páxinas96
ISBNISBN 978-84-8289-162-6
editar datos en Wikidata ]

O violín de Sarasate. Un caso de Sherlock Holmes é unha novela policíaca escrita por Alberto Fortes, publicada en 2002 por Edicións do Cumio.

Trama[editar | editar a fonte]

En setembro de 1886 chegan a Pontevedra Sherlock Holmes e mailo seu acompañante o doutor John H. Watson, convidados pola Sociedade Recreo de Artesáns para impartir unha conferencia dentro dun ciclo sobre o crime, ao que tamén se convida, entre outros, a Auguste Dupin. Unha das principais razóns que levan a Holmes a aceptar facer a viaxe é que na vila do Lérez poderá asistir a un concerto do violinista Pablo Sarasate.

Pero o mesmo día da charla preséntaselle un caso de investigación: desapareceu o violín Stradivarius de 1724. Mediante o seu método de razoamento dedutivo, chega á conclusión de que o instrumento non foi sustraído, senón escondido dentro da habitación do violinista. Porén, queda algo amolado porque non chega a descubrir que quen o escondeu foi unha muller.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra preséntase coma un relato escrito en primeira persoa polo propio doutor John H. Watson. O manuscrito estivo en posesión da súa familia até 100 anos despois de ser escrito, para evitar a súa publicación mentres quedase xente viva presente no relato. O texto foi enviado ao concello de Pontevedra pola familia do doutor Watson, que dispuxera que debía ser publicado nesa vila e despois en Londres. O concello remitiullo á "Sociedade Holmesiana de Pontevedra" (que estivo presidida, segundo o autor, por Marcial Gondar Portasany, Xosé Agrasar Muíños, Serxio Portela Campos, Alfonso Díaz Andrés, Ian Emmett e Fernando R. García Fernández), encargada da súa publicación, pero esta non se levou a cabo até o 2001 por unha dúbida respecto a cando debía ser editado.