O redondel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O redondel
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Teatro
EditorialGrial
Data de pub.1979
editar datos en Wikidata ]

O redondel. (Li Hsing-Tao). Adaptación e versión galega nun acto para teatro infantil é unha pequena peza teatral de Ricardo Carballo Calero. Escrita en 1951, foi publicada no nº 64 da revista Grial en 1979 e reeditada en 1982[1].

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • O Xuíz
  • O Secretario
  • O Aguacil
  • O Portaestandarte
  • Axudante 1º
  • Axudante 2º
  • Hai-Tang
  • Señora Ma
  • Señora Pe
  • Señora Lin
  • Señora Chang
  • Chu-Lang

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Constitúese o tribunal e o xuíz proclama súa rectitude e independencia. A acusada é Hai-Tang, a querelante a señora Ma. As dúas pretenden ser a nai do meniño Chu-Lang. Hai-Tang confesou a súa impostura, pero alega dinte do xuíz que por causa da tortura que lle sacaron a confesión.

Segundo o Secretario o príncipe Tung enemistouse con seu pai e marchou ao exilio. A súa curmá Ma foise xuntar con el, namoraron, casaron e tiveron a Chu-Lang. Tempo despois o pai perdooulle ao príncipe e emprenderon o regreso acompañados da escrava Hai-Tang. O príncipe morre no regreso e agora a escrava afirma ser a verdadeira esposa del e reclama a herdanza que lle corresponde do avó de Chu-Lang.

As testemuñas confirman a versión da señor Ma. Pero Hai-Tang afirma que as testemuñas están compradas con diñeiro e non din a verdade. O propio meniño confirma que Hai-Tang é a súa nai.

Para arranxar o problema o xuíz manda facer un redondel marcado cunha liña de xiz, poñerase o meniño dentro e as dúas pretendidas nais turrarán para sacalo, a que o consiga será a verdadeira nai.

Por dúas veces a señora Ma consegue sacar o meniño do redondel mentres que Hai-Tang nin intenta turrar por el. O Xuíz pregúntalle por que non o intenta. Responde Hai-Tang que unha verdadeira nai non quere mancar o seu fillo e se tirase dos seus brazos, se fixese forza, o neno de cinco anos sufriría moito e mancaríase, romperíanse os seus ósos.

E o xuíz resolve sobre quen é a verdadeira nai, sobre a responsabilidade do xuíz instrutor e os funcionarios responsables da tortura, tamén sobre as falsas testemuñas.

Toma a palabra Hai-Tang:

Hoje o juiz ensinou-vos a verdade, desterrou às fronteiras a quen habia desterrar, mandou aos arrozais a quen habia mandar. ¿Oh, señor, oxalá a nova do rendondel de gis chegue deica os catro mares, para que no Império non fique quen a ignore![2]

Características[editar | editar a fonte]

A obra é unha adaptación para teatro infantil do drama Hui Lan Ji do autor chinés Li Qianfu (Li Hsing-Tao), a partir da versión castelá El círculo de tiza. A historia refírese ao motivo da coñecida historia bíblica de Salomón cando un xuíz demostra a súa sabedoría nun caso semellante ao desta peza teatral[3]. A obra foi adaptada tamén por Bertolt Brecht en 1944 co título de Der kaukasische Kreidekreis.

Segundo Henrique Rabuñal: Carvalho recorre á técnica da autopresenación no caso dun xuíz que debe derimir a maternidade de Chu-Lang... Nesta disputa asistimos a unha reflexión, na liña doutras que aparecen nos textos do autor, sobre a xustiza, a mentira e os intereses económicos.[4]

Carballo Calero dixo sobre a obra:

"O redondel" é a versión dunha obra en que está presente o tema da maternidade e foi escrito coa finaliade de proporcionar unha peza ad usum Delphini para os alunos de Fingoi, de maneira que respeita nese aspecto o orixinal, a disputa das dúas mulleres polo neno está no orixinal. Non escollín posibelmente a peza porque ese tema fose tratado, senón por circunstancias prácticas: hai un tomo da colección Austral en que esa peza está publicada, de maneira que era unha peza de teatro exótico ao meu alcance[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3. 
  2. Carballo Calero 1982, p. 170.
  3. Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1049. ISBN 84-89679-05-3. 
  4. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 150. ISBN 978-84-9151-436-7. 
  5. Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 260. ISBN 84-7154-654-X.