Evasión do Nuevo Emden
O Nuevo Emden foi un atuneiro no que dezaoito homes fuxiron de Galicia en agosto de 1937 ante a ameaza da represión do bando nacional logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Partiron do Grove, e fixeron escala en Concarneau, na Bretaña francesa, atravesaron o Atlántico no barco e chegaron á Habana[1].
O barco, construído en Palmeira en 1936, era propiedade de Antonio Vila e de Juan Aguiño Vidal, O Picán, quen relatou o acontecido:
Ningún de nós destacara politicamente en nada. Iso si, os tres eramos demócratas e avogabamos, cando a ocasión o permitía, por un Goberno que limitase as inxustizas e permitise á magnifica xuventude daquel tempo atopar unha canle apropiada para acadar a plenitude. Non pediamos a lúa, pediamos a desaparición do paro obreiro e a democratización do país.
A viaxe do Novo Emden
[editar | editar a fonte]O periplo da viaxe, nun barco destas características, adaptado á pesca de baixura (13 metros de eslora e un motor de 36 cabalos), tivo continuas complicacións, tanto mecánicas como políticas. O obxectivo dos protagonistas non se coñece con exactitude. Puido evitarse un recrutamento forzoso á fronte ou fuxir a Francia escapando da máis que probable represión na España franquista; quizais tamén evitar un posible comiso do barco [3]. En calquera caso, o 16 de agosto partiron desde o porto grovense de Meloxo cara a Francia coa intención, segundo deixaron dito, de faceren a costeira do atún. Primeiro amarraron en Guilvinec, pero axiña seguiron ata Concarneau, onde fixeron porto. Pero o caso foi que as autoridades non lles permitiron a pesca comercial e tiveron que permanecer ancorados.
En calquera caso, está probado que o entón alcalde de Concarneau, Pierre Gaugen, axudounos a sobrevivir (como a outros exiliados españois que buscaron alí refuxio), pero cando os nazis ocuparon a Bretaña foi axustizado.
Naturalmente, os 17 tripulantes adultos do pesqueiro foron inmediatamente declarados en rebeldía polo Exército español, e algúns dos seus familiares procesados por colaboradores, aínda que non foi procesado ningún, o que non os librou de multas, embargos e continuos interrogatorios. O estado francés obrigounos a regresar a España e algúns dos tripulantes engrosaron nas filas do exército republicano en Cataluña, se ben outros se pasaron ás tropas de Francisco Franco. Só 4 quedaron co barco, acollidos á beneficencia e traballando cando podían noutros oficios.
Finalizada a Guerra Civil española, as autoridades españolas déronlles a orde de regresar a España e, para evitalo, tiveron que poñer o barco baixo bandeira francesa.
Xa daquela decidiran ir cara a América, concretamente a Venezuela, pero sorpréndelles a segunda guerra mundial e as autoridades francesas inmobilízanlles o barco. No ano 1942, con Cornarneau tomado xa polos nazis, recuperan o barco e conseguen dedicarse á pesca, aínda que axiña o volveron perder, ó serenlles requisado para uso militar polas tropas alemás. Durante esta guerra, os alemáns minan o porto e o Novo Emden afunde, aínda que conseguen reflotalo [4]. Finalizada por fin a guerra, xa en 1944, as autoridades francesas volven requisarlles o barco e, aínda que llelo devolven, en moi mal estado, non lles autorizan a dedicarse á pesca. Incluso intentan solucionar esta situación cambiándolle o nome ó barco, polo de Zorija, pero tampouco poden saír a pescar porque lles esixen que o persoal técnico fose francés. Intentárono de novo marchando a Marsella (atravesando Francia polo interior a través do Canal do Mediodía), ó crer que alí serían menos esixentes, pero non o logran e vense obrigados a volver a Concarneau.
Visto que lles resultaba imposible traballar como pescadores en Francia, decidiron marchar a América, aproveitando as facilidades que ofrecía Guatemala ós inmigrantes dedicados á pesca. Tentaron primeiro transportar o barco dentro dun mercante pero, ó non conseguilo, acordaron facelo navegando. Por fin, o 8 de setembro de 1948 parten de Concarneau cara a América. Naquel momento só quedaban 4 membros da tripulación orixinal[Cómpre clarificar] (entre eles Juan Aguiño, xa único propietario do barco, e o rapaz, daquela, Arturo Meis), mentres que os 14 restantes regresaran a España en distintos momentos.
Na viaxe cara a América bordean a costa galega sen atrevérense a entrar no Grove e arriban a Casablanca e logo a Dakar, para repararen o barco. Tras ter que reparar unha vía de auga no barco en Trinidad e Tobago e unha breve escala en Porto Cortés (Honduras), chegan ó seu destino o 27 de decembro de 1948 [5], tras case 4 meses de viaxe.
Pero a verdade foi que en Guatemala a pesca era escasa e as axudas prometidas eran cativas, e deciden irse a Cuba. Aínda que a viaxe era curta, unha forte tormenta tropical case fai afundir o barco. Tras case un ano parados, entre arranxar o barco e tramitar permisos, conseguen dedicarse á pesca, concretamente de camarón, entre Cuba e Florida. Parece que por fin as cousas comezan a irlles ben, cambian o nome do barco polo de Juanito e instálanse no lugar de Batabanó, montan unha empresa e Juan Aguiño reclama á muller e ó fillo. Pero a revolución de Fidel Castro en 1959 frustra os seus intentos de viviren tranquilamente da pesca. O barco é nacionalizado pola Cooperativa de Pescadores de Playa Florida e o 16 de xuño de 1962, Juan Aguiño regresa arruinado a España. A primeiros do ano seguinte regresa a Cuba e consegue recuperar o barco, practicamente abandonado, foxe de Cuba e chega a Miami, concretamente a Key West (Cayo Hueso), pero tampouco obtén os permisos necesarios e, tras abandonar o barco alá e intentar traballar en Nicaragua, vende o barco e regresa a España definitivamente en 1965. En 1968, Juan Aguiño morre no Grove.
Dos fuxidos, xa só sobrevive Arturo Meis Vila, o máis novo (contaba con 14 anos no momento da partida), que reside na actualidade na cidade de Miami. Só 8 daqueles primeiros 18 tripulantes lograron regresar ó seu Grove natal, tras anos de exilio.
Recuperación da memoria histórica
[editar | editar a fonte]No ano 2007 Marcos Gallego realizou un documental sobre a historia do atuneiro, baixo o título de O Novo Emden.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A ruta completa da viaxe pode verse na páxina web da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial Arquivado 07 de agosto de 2008 en Wayback Machine.
- ↑ Luis e Arias 2001.
- ↑ Ramón Garrido Vidal, veciño dos fuxidos e tamén exiliado a Francia, onde morreu en 1995, deixou escrito nas súas memorias que a causa foi, simplemente, o terror.
- ↑ Outras fontes explican o afundimento como consecuencia dun bombardeo da aviación aliada.
- ↑ Outras fontes datan a chegada o 2 de xaneiro de 1949.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Luis Martín, Fernando; Arias González, Luís (2001). De O Grove a Cuba (1937-1964): Memorias de Juan Aguiño: pescador y exiliado. Sada: Ediciós do Castro.
- Besada Fernández, José Miguel (2003). "A odisea do Novo Emden" (PDF). Aunios (7): 91–93. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de agosto de 2008. Consultado o 06 de setembro de 2018.
- "Siguiendo la estela del Emden", en La Voz de Galicia 12.10.2007.
- RODRÍGUEZ, Salvador: "La odisea del Nuevo Emden", en Estela, suplemento de Faro de Vigo, 29.06.2008.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Bou Eva
- O Barco da Memoria
- Os mártires do mar
- Vítimas da Guerra Civil en Galicia
- As vítimas, os nomes, as voces e os lugares