Netiqueta
A netiqueta (contracción do inglés network etiquette, etiqueta da rede) é o conxunto de regras que regulan o comportamento dun usuario nun grupo de noticias, unha lista de correo, un foro de discusións ou no correo electrónico. Por extensión, utilízase tamén para referirse ao conxunto de normas de comportamento xeral en Internet.
A netiqueta como convención
[editar | editar a fonte]A netiqueta non é máis que unha adaptación das regras de etiqueta do mundo real ás tecnoloxías e ao ambiente virtual. Aínda que normalmente as normas de etiqueta evolucionaron ata chegar a formar incluso parte das regras de certos sistemas, é bastante común que as regras de etiqueta se baseen nun sistema de "honor", é dicir, que o infractor non recibe sequera unha reprimenda.
Da mesma maneira que existe un protocolo para os encontros físicos con persoas, a así chamada netiqueta describe un protocolo que se debe utilizar ao facer "contacto" electrónico. Así como sucede na vida real, as regras e normas da netiqueta adoitan variar de acordo ao contorno social no cal nos desenvolvamos. Normalmente ofender as normas do grupo considérase unha ofensa directa ao grupo. Ao atopar un ofensor das regras, o administrador do sistema pode reprendelo ou mesmo inhabilitalo para evitar futuros inconvenientes.
Incumbencias da netiqueta
[editar | editar a fonte]A netiqueta comprende todas as formas de interacción directa e indirecta dun usuario con outro. Entre estas podemos destacar:
- O comportamento no correo electrónico: o xeito de nos dirixirmos á persoa, o contido da mensaxe (publicidade, spam etc.), o contido dos arquivos adxuntos, o uso de maiúsculas etc.
- O comportamento nos foros: o nivel de linguaxe utilizado, o formato da mensaxe, distinción de ambiente etc.
- O comportamento nos blogs: comentarios formais ou informais, concordancia do comentario co tema, respecto ás outras opinións etc.
- O comportamento nos chat: conciencia da capacidade do servidor (flooding, tamaño dos ficheiros), respecto da temática do chat, moderación no uso de iconas etc.
Historia da netiqueta
[editar | editar a fonte]No principio as redes de computadores estaban limitadas a centros de investigación científica e centros universitarios avanzados. Foron deseñadas única e exclusivamente co fin de transferiren datos dunha maneira práctica e sinxela. Co tempo e debido ao gran beneficio que supoñía, desenvolvéronse sistemas de discusión de temas. Foi así como xurdiron os protocolos USENET. Persoas de calquera lugar xeográfico podían entrar a estes sitios de discusión e compartir información acerca dun tema.
O inicio dos problemas
[editar | editar a fonte]Aínda que inicialmente o acceso a estes sistemas de discusión estaba moi limitado, co rápido incremento do número de usuarios e a expansión da rede, chegaron tamén persoas que realizaban accións que prexudicaban a comunidade. Comezaron a aparecer mensaxes contendo insultos, alegados interminables e contidos que só lograban danar o sistema.
Despois da aparición deste tipo de problemas fíxose evidente a necesidade de aplicar a urbanidade e o respecto mutuo ás comunicacións co fin de evitar a perversión do sistema de Internet.
Así, en 1995, elaborouse un documento que intentaba regular as comunicacións na rede. Este documento foi chamado RFC1855 (Request for Comments 1855). A partir de entón, as distintas sociedades foron elaborando as súas propias regras e mesmo designando persoas encargadas única e exclusivamente do seu cumprimento.
O decálogo da netiqueta
[editar | editar a fonte]Aínda que ao longo da historia se escribiron moitos manuais de netiqueta, adóitase considerar o libro NETiquette, de Virginia Shea[1], a versión definitiva destas regras. O libro foi publicado en 1994 e conten dez regras básicas de comportamento na rede. As regras son as seguintes:
- Regra 1: Nunca esqueza que a persoa que le a mensaxe é, en efecto, humana, con sentimentos que poden ser feridos.
- Regra 2: Observe os mesmos estándares de comportamento en liña que segue na vida real.
- Regra 3: Recoñeza en que parte do ciberespazo se atopa.
- Regra 4: Respecte o tempo e o ancho de banda das outras persoas.
- Regra 5: Mostre o seu lado bo mentres se manteña en liña.
- Regra 6: Comparta o seu coñecemento coa comunidade.
- Regra 7: Axude a manter as discusións nun ambiente san e educativo.
- Regra 8: Respecte a privacidade de terceiras persoas.
- Regra 9: Non abuse do seu poder.
- Regra 10: Perdoe os erros alleos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Shea, Virginia. Netiquette. Albion Books, 1994. ISBN 0-9637025-1-3, 9780963702517.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]O Galilibros ten un manual sobre: Netiqueta |