Nabu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha imaxe do deus Nabu, autorrelevo de Lee Lawrie no edificio da Biblioteca do Congreso Americano.

Nabu é o deus babilonio da sabedoría e a escritura,[1] adorado polos babilonios como fillo de Marduk e da súa consorte, Zarpanitum, e como neto de Enki. A consorte de Nabu foi Tasmetu.

Orixinalmente, Nabu foi unha deidade semítica occidental, introducida polos amorreos en Mesopotamia, probablemente ao mesmo tempo que Marduk.[2] Mentres que Marduk se converteu na divindade principal de Babilonia, Nabu residía na próxima Borsippa, no seu templo de E-zida. Foi chamado primeiro "escriba e ministro de Marduk", e logo asimilado como fillo de Marduk. Durante o Festival de Aninovo de Babilonia, a estatua de culto de Nabu era transportada de Borsippa a Babilonia a carón do seu pai Marduk.

A Nabu asígnaselle o posto de patrón dos escribas, tomado da deusa Nisaba da mitoloxía caldea. Os seus símbolos son a taboíña cos útiles de escritura. Leva un gorro con cornos e está en pé coas mans xuntas, no xesto sacerdotal antigo. Cabalga sobre un dragón alado (mušhuššu) que inicialmente foi de Marduk.

O seu poder sobre a existencia humana é inmenso, porque Nabu é quen escribe o destino de cada persoa, por decisión dos deuses, nas taboíñas dos rexistros sagrados. Polo tanto, ten o poder de aumentar ou diminuír segundo a súa vontade a duración da vida das persoas.

A etimoloxía do nome é incerto. Podería derivarse de nb´ que se refire a "chamar ou anunciar", significando algo como "o que foi chamado", ou podería proceder de ne/abu, que significa "brillante ou relucente". Por outro lado, en eslavo do sur podería proceder de 'Nebo', co significado de "un ceo" ou tamén "un paraíso", (comparado co termo polaco niebo). Tamén podería proceder dunha raíz descoñecida de sirio antigo.

Nabu é mencionado na Biblia co nome de Nebo en Isaías 46:1 e Xeremías 48:1.

No Museo Británico atópase unha estatua de Nabu que foi orixinalmente erixida na cidade de Nimrud (Calah en fontes bíblicas) durante o reinado de Tiglat-Pilesar III.

Na astroloxía tardía de Babilonia, Nabu estaba conectado co planeta Mercurio. Como deus da sabedoría e a escritura, foi equiparado polos gregos tanto a Apolo como a Hermes, sendo o último identificado polos romanos co seu propio deus Mercurio.

Debuxo da estatua do Museo Británico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The Religion of Babylonia and Assyria, de Morris Jastrow, Jr.. Ver fonte no site do Proxecto Gutemberg
  2. Mythencyclopedia.com (ed.). "Nabu - Myth Encyclopedia - mythology, god, ancient, children". Consultado o 24 de xuño de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Horowitz, Wayne (1998). Mesopotamian Cosmic Geography. Eisenbrauns. ISBN 978-0931464997. 
  • Hunger, Hermann; Steele, John (2018). The Babylonian Astronomical Compendium MUL.APIN. Taylor & Francis. ISBN 978-1351686815. 
  • Koch, Ulla Susanne (1995). Mesopotamian astrology: an introduction to Babylonian and Assyrian celestial divination. Museum Tusculanum Press. ISBN 978-8772892870.