A Société Anonyme des Automobiles Motobloc creouse en Burdeos en xuño de 1902 para a explotación das patentes de Schaudel[1] sobre o "bloque motor" agrupando, dun xeito moi innovador para a época, o motor, o embrague e a caixa de cambios, un dispositivo adoptado por todos os fabricantesa partir de entón.
Os primeiros coches producidos baixo a marca "Motobloc" inscribíronse en varias carreiras onde realizaron unha clasificación honrosa. Durante a carreira París-Madrid 1903, os tres coches inscritos chegaron a Bordeos onde a carreira interrompíuse. Un coche quedou undécimo no Grand Prix de l'ACF 1907, outro décimo terceiro no Grand Prix de l'ACF 1908 e Motobloc colocou un automóbil no quinto lugar no primeiro rally de Montecarlo organizado en 1911. Un Motobloc de 4 cilindros participou na gran carreira Nova York-París en 1908.
As fábricas de Motobloc, situadas entre os números 90 e 134 da rúa des Vivants no barrio de la Bastide de Bordeos, produciron diferentes modelos de coches (O, OB, etc.), vehículos de luxo,[2] motores mariños destinados á náutica a partir de 1910, camións militares en vésperas da primeira guerra mundial, obuses de 75, 105 e 155 mm a partir de 1914 e motores avión Salmson en 1917.[3]
A produción de automóbiles retomouse durante o período de entre guerras, ata 1932. Ante a competencia de marcas como Renault ou Citroën que desenvolveron modernos métodos de fabricación e comercialización, a empresa Motobloc declarouse en bancarrota en 1933. Relanzada por Marcel Bloch,[4] Motobloc produciu motores diésel a partir de 1934, despois, a partir de 1948, motores de 2 tempos para ciclomotores, e motocicletas, así como motores refrixerados por aire.
Debido ás dificultades económicas tras a paralización do taller de municións, a fábrica, que tiña empregado ata 1.500 traballadores, pechou definitivamente en 1961.
Existe unha relación obvia entre a insignia de Motobloc (tres medias lúas entrelazadas) e o actual escudo da cidade.
A marca Motobloc e o seu logotipo[5] foron rexistrados de novo en 2013 por un artesán de Bordeos.[6]