Microanticorpo
Un microanticorpo é unha cadea curta de aminoácidos artificial, que é copia dunha parte dun anticorpo natural completamente funcional, que se corresponde coa zona do anticorpo por onde se une ao epitopo do antíxeno, onde están as rexións CDR [1]. Os microanticorpos poden deter a infección das células por virus como o VIH in vitro.[1] Un destes microanticorpos preparouse recentemente a partir dun anticorpo monoclonal en células de ratos, e tiña a capacidade de inactivar ao VIH in vitro.[1]
Os anticorpos prodúceos o corpo de forma natural e xogan un papel chave na loita contra as infeccións bacterianas e víricas. Poden utilizarse para tratar infeccións utilizando inxeccións de plasma que conteñan unha gran cantidade delas (antisoros).[2] Pero o uso de anticorpos naturais como medicinas presenta algúns problemas: só poden producilos células vivas e este proceso é difícil de controlar a escala industrial, e ademais, son moléculas grandes e ao seren inxectados non difunden doadamente polo sangue e nos tecidos onde se necesitan.[3] Mesmo os anticorpos monoclonais que foron "humanizados" (modificouse a súa secuencia para que se parezan aos humanos)[4] poden aínda causar unha resposta inmune. Porén, no recoñecemento e inactivación dos patóxenos só están implicadas rexións relativamente pequenas dos anticorpos, e os microanticorpos son moito máis pequenos e só imitan esas rexións, pero carecen das rexións máis longas do anticorpo que inducen a resposta.[1]
O uso de microanticorpos podería potencialmente resolver estes problemas. Poden ser sintetizados quimicamente e o seu pequeno tamaño permite que abandonen a circulación sanguínea rapidamente e chegan aos sitios de infección nos tecidos. Tamén son pouco inmunoxénicos e non estimulan respostas inmunes no hóspede. Malia todo, a súa produción presenta algúns problemas, pero poderían chegar a ser unha importante arma para loitarmos contra as infeccións e outras doenzas.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Heap CJ, Wang Y, Pinheiro TJ, Reading SA, Jennings KR, Dimmock NJ (2005). "Analysis of a 17-amino acid residue, virus-neutralizing microantibody". The Journal of General Virology 86 (Pt 6): 1791–800. PMID 15914858. doi:10.1099/vir.0.80812-0.
- ↑ Rietveld E, Steyerberg EW, Polder JJ, Veeze HJ, Vergouwe Y, Huysman MW, de Groot R, Moll HA (2010). "Passive immunisation against respiratory syncytial virus: a cost-effectiveness analysis". Archives of Disease in Childhood 95 (7): 493–8. PMID 20504841. doi:10.1136/adc.2008.155556.
- ↑ Bakker JM, Bleeker WK, Parren PW (2004). "Therapeutic antibody gene transfer: an active approach to passive immunity". Molecular Therapy : the Journal of the American Society of Gene Therapy 10 (3): 411–6. PMID 15336642. doi:10.1016/j.ymthe.2004.06.865.
- ↑ Cattaneo A (2010). "Tanezumab, a recombinant humanized mAb against nerve growth factor for the treatment of acute and chronic pain". Current Opinion in Molecular Therapeutics 12 (1): 94–106. PMID 20140821.
- ↑ Fujii I (2009). "[Beyond antibodies: generation of conformationally constrained peptides for molecular-targeting therapy]". Yakugaku Zasshi 129 (11): 1303–9. PMID 19881201.