Matilde Jiménez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Matilde Jiménez
Nacemento21 de xaneiro de 1948
 Carballo
NacionalidadeEspaña
Ocupacióncantante
editar datos en Wikidata ]

Matilde Jiménez Blas[1], nada en Carballo o 21 de xaneiro de 1948, é unha cantaora de flamenco galega, tamén coñecida como Matilde "la Galleguita". Vive en Barcelona.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aínda que naceu en Carballo, aos doce meses os seus pais, que chegaran a Galicia logo da guerra civil desde Castela, instálanse na Coruña. A primeira vez que cantou en público foi na igrexa, con doce anos, e un sacerdote anímaa a participar en concursos de intérpretes novos.

Empecei cantando na igrexa, de ben miúda, pero facíao tan alto e tan ben que os demais calaban e me deixaban soa, e isto dábame moita vergoña. O cura animoume a participar nun festival que se celebraba no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e logo xurdiu o de Radio Nacional, que foi unha apoteose, porque ningúen podía crer que unha nena tan pequerrechiña cantase flamenco con tanto sentimento.[2]

A súa andaina musical comeza con catorce anos nun concurso de novos valores de Radio Nacional da Coruña chamado "Desfile de estrellas", onde acadou o segundo premio interpretando un tema flamenco, un estilo musical pouco habitual en Galicia. Sorprendeu que unha coruñesa interpretase tan ben o flamenco. Nunha entrevista, comentou: «Gústame cantar á miña terra, mais desde pequena sentín a chamada do flamenco; é o que eu sinto. É unha forma de expresión, un desafogo da alma».[3]

A súa familia emigra de novo, esta vez ao barrio do Poble Sec de Barcelona, onde xa se instalara un dos fillos, que adoitaba ir ás peñas flamencas. Matilde Jiménez empezou a cantar nas peñas e iso permitiulle entrar na carreira profesional nun momento no que, como subliña José Manuel Gamboa, o mundo do flamenco seguía á procura de nenos-prodixio.[4]

Co nome artístico de Matilde "la Galleguita" debuta o 2 de xullo de 1962 no espectáculo de variedades Paralelo núm. 2 producido polo Teatro Victoria de Barcelona. O anuncio do espectáculo, poucos días despois, salientaba a intérprete como unha revelación do flamenco:

[Teatro] Victoria. Todos los días, 6 y 10,45, se honra en presentar a la galleguita que ha triunfado en la Radio. Toda España admiró anteayer a esta artista en Televisión Española con emoción, simpatía y afecto, en el espacio "La historia de la semana". Matilde "la Galleguita", que ha triunfado en el prestigioso marco del Teatro Victoria.[5]

Nas décadas de 1960 e 1970 ten unha intensa actividade artística que a leva a gravar discos, participar en espectáculos de flamenco que percorren Europa e mesmo a protagonizar un filme, dirixido por Alfonso Balcázar en 1963, que debía servir para promocionar a artista.[6] Nos seus inicios, e durante tres anos, formou parte da compañía de Pepe Marchena. Fixo xiras cos espectáculos Festival flamenco gitano, canda a bailaora xitana de Badalona Antonia La Singla e o guitarrista Pepín Salazar; Soy del Norte, de Antonio Molina; e participou noutros espectáculos con Rafael Farina e Carmen Morell. Formou parella co cantaor Juan Torres, e estivo acompañada na guitarra, entre outros, por "El Galleguito", con quen actúa no concurso radiofónico, e José María Parra Parrita. Ao longo da súa traxectoria compartiu escenario con nomes destacados da copla, como Pepe Marchena, Juanito Valderrama, Manolo "el Malagueño", Rocío Jurado, Perlita de Huelva.

Gravou máis de vinte e cinco discos de flamenco, moitos deles coa Belter, incluíndo un que levaba por título Galicia flamenca, onde interpretou "Morriña", de Eduardo Diehl de Souza, compositor e pianista no programa "Desfile de estrellas", onde preparou a Matilde Jiménez para participar no concurso.

A súa canción máis popular foi "¡Ay!, mi perro", que fora interpretada antes pola Niña de Antequera. Acadou un especial recoñecemento en Cataluña así como entre os colectivos migrantes galegos e andaluces en Francia, Suíza, Reino Unido e Alemaña. En Barcelona, Badalona e L'Hospitalet creáronse peñas co seu nome. Nas súas actuacións na televisión renunciaba ao uso do playback.

Despois de retirarse, segue a vivir en Barcelona. En 2013 a Agrupación Cultural Galega Alborada de La Llagosta organizou unha homenaxe a toda a súa traxectoria.[7] Foi unha das cantantes destacadas na exposición "D'ONES: (R)evolució de les dones en la música”, curada por Enderrok e producida polo Palau Robert de Barcelona en 2017.

A identidade e o flamenco[editar | editar a fonte]

O seu nome artístico marcouna como intérprete pouco habitual no mundo do flamenco, por ser paia e non andaluza. Iso levouna a falar a miúdo sobre esta cuestión e a reivindicar as súas orixes galegas. A artista, que tamén era compositora dalgunhas das letras do seu repertorio, explica nunha letra a súa posición identitaria:

No tengas nunca celos,/ tierra querida, / porque yo quiera tanto / a Andalucía./ Porque si a son de gaita/ tú me arrullaste,/ bautizó la guitarra/ todos mis cantes./ Allá, en Galicia, nací, señores,/ y es andaluz el dueño/ de mis amores.[8]

Matilde "la Galleguita" rexeita as explicacións esencialistas marcadas pola raza e o lugar de nacemento e define, daquela, o flamenco e a música como unha arte marcada polo sentimento.

O flamenco non se pode definir, pois cadaquén o interpreta como o sente. Un fandango ben cantado, por exemplo, é un cante grande. Define o sentir dun pobo e emociona. Para min, "Negra sombra" é un cante grande e non é arte algunha barateza cantada en galego das que se escoitan pola radio».[3]

Foi a primeira en cantar flamenco en catalán, cunha actuación na Cova del Drac da que se conserva gravación aínda que nunca foi editada, converténdose así nun antecedente de Miguel Poveda.[9]

A súa canción "Morriña" foi banda sonora do programa radiofónico de Manolo Piñeiro, de ERGAC, un dos referentes máis populares na comunidade migrante galega en Cataluña.[1]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou no barrio de La Sagrera (Barcelona) en 1969 con José Salcedo León, con quen tivo dous fillos, Jose e Maite.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ás veces o seu apelido aparece transcrito como Giménez.
  2. Valle, 2013.
  3. 3,0 3,1 Fernández, 2005.
  4. Gamboa, 2009.
  5. Anuncio en La Vanguardia, 10/07/1962, p. 26.
  6. Na páxina de Matilde "la Galleguita" no Facebook pode verse unha escena do filme, datado en 1964 (post de 21/05/2016) así como fotografías e carteis das súas actuacións. O anuncio da gravación do filme recóllese en La Vanguardia en 1963.
  7. Foi organizada polo amigo da artista Antonio Barcia Mouzo (Galicia en el Mundo, 2013).
  8. Transcrito nunha entrevista de Del Arco, 1969, p. 25.
  9. Vivanco, 1995.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]