María Rozas
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1981 (42/43 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | política, politicóloga |
María Rozas Pérez, nada en Santiago de Compostela en 1981, é unha política galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Licenciouse en Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela, con mestrado de Estratexias, Axentes e Políticas de Cooperación ao Desenvolvemento polo Instituto HEGOA da Universidade do País Vasco, e traballou como consultora de xestión económica e patrimonial para o sector público nunha empresa de TIC.
Foi voluntaria en varias ONGD e participante no movemento feminista. Militante de Esquerda Unida, en febreiro de 2015 gañou as primarias locais para elixir o candidato desa formación á alcaldía de Santiago[1], mais nas eleccións municipais dese ano, seguindo un acordo da súa formación, presentouse na candidatura de Compostela Aberta como número 2 e logrou acta de concelleira. Pasou a ser Tenente de Alcalde e asumiu a concellería de economía, facenda e administración, sendo responsable dos orzamentos participativos. Exerceu a alcaldía en xuño de 2018 durante a baixa de paternidade de Martiño Noriega.[2]
Nas eleccións municipais de 2019 non saíu elixida ao ir no posto 6 e lograr a súa formación cinco concelleiros; así e todo, volveu ao concello trala renuncia á súa acta de Martiño Noriega. En xullo de 2021 formou parte da candidatura alternativa, considerada afín a Yolanda Díaz[3], á dirección de Esquerda Unida de Eva Solla.
En outubro de 2022 asumiu a portavocía do grupo municipal de Compostela Aberta trala renuncia de Marta Lois, sendo elixida ademais como candidata á alcaldía de Santiago de Compostela para as eleccións municipais de 2023[4]. En dita convocatoria electoral a súa formación pasou de 5 a 2 concelleiros, pasando a se-la cuarta forza política. Aínda así conseguiu volver ao goberno tras chegar a un pacto de goberno co BNG de Goretti Sanmartín, e pasou a ser Tenente de Alcaldesa e Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "María Rozas triunfa en las primarias de Esquerda Unida". La Voz de Galicia. 15 de febreiro de 2015.
- ↑ "María Rozas asume a alcaldía ante la baja por paternidad de Martiño Noriega". La Voz de Galicia. 1 de xuño de 2018.
- ↑ "Esquerda Unida: A lista de Eva Solla imponse ao sector de Yolanda Díaz". Nós Diario. 8 de xullo de 2021.
- ↑ "María Rozas será a candidata de Compostela Aberta nas eleccións municipais de 2023". Nós Diario. 3 de outubro de 2022.