Mars 6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mars 6
Mars 6
TipoAterrador de Marte
Data de lanzamento5 de agosto de 1973, 17:45 GMT[1][2][3]
Foguete portadorProton K/D[2][4]
Sitio de lanzamentoCosmódromo de Baikonur[2][4][5]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.[2][4][5]
NSSDC ID1973-052A
Masa3260 kg[2]

Mars 6 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 5 de agosto de 1973 mediante un foguete Proton K/D desde o cosmódromo de Baikonur cara Marte.[1][2][4][5][3]

Características[editar | editar a fonte]

Mars 6 era unha sonda de tipo Mars M-73 de 3260 kg consistente nun módulo de sobrevoo de Marte e un módulo de descenso para deixar unha sonda na superficie. O módulo de sobrevoo retransmitiría os datos do módulo de descenso, que levaba a bordo un telefotómetro panorámico para fotografar a superficie, sensores para medir a temperatura, presión, densidade e velocidade do vento durante o descenso, un espectrómetro de masas para estudar a composición atmosférica, un radioaltímetro, un experimento para analizar a composición do solo marciano e sensores para medir as propiedades mecánicas do mesmo. O módulo de sobrevoo levaba un telefotómetro para obter imaxes da superficie, un sensor Lyman alfa para buscar hidróxeno na parte superior da atmosfera, un magnetómetro, unha trampa de ións, un sensor de plasma, sensores para raios cósmicos e para micrometeoritos e un radiómetro francés para medir as radioemisións solares.[1][2][4][5][3]

As catro naves de tipo Mars M-73 (Mars 4, Mars 5, Mars 6 e Mars 7) víronse afectadas por un defecto na súa electrónica consistente no uso de transistores 2T312 que usaban aluminio nos seus contactos en vez de ouro, o que producía unha degradación importante e finalmente o fallo da electrónica. Mars 4, 6 e 7 fallaron nas súas misións principais debido a este problema.[1][2][4][5][3]

Perfil da misión[editar | editar a fonte]

Mars 6 fixo unha manobra de corrección de traxectoria o 13 de agosto de 1973, chegando a Marte o 12 de marzo de 1974. O módulo de descenso separouse do de sobrevoo a 48 000 km de Marte, co módulo de sobrevoo pasando a unha distancia mínima da superficie de 1600 km. O módulo de descenso entrou na atmosfera a 5,6 km/s ás 9:05:53 UT, abríndose o paracaídas ás 9:08:32 UT despois de reducirse a velocidade a 600 m/s. O módulo estivo recolectando e transmitindo datos durante o descenso, pero o contacto perdeuse ás 9:11:05 UT, posiblemente debido ao impacto a demasiada velocidade contra a superficie.[1][2][4][5][3]

Resultados científicos[editar | editar a fonte]

O módulo de descenso de Mars 6 transmitiu 224 segundos de datos atmosféricos, os primeiros retransmitidos desde a atmosfera de Marte, pero o problema cos transistores 2T312 fixo que a maior parte foran ilexibles. De tódolos xeitos os datos aproveitables permitiron facer un perfil da estrutura da troposfera marciana desde a base da mesma ata 25 km de altura. Detectouse máis vapor de auga do esperado. O módulo de sobrevoo, pola súa parte, fixo un experimento de ocultación por radio, atopando, igual que Mars 4 e 5, unha ionosfera no lado nocturno do planeta.[1][2][4][5][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 N2YO (2023). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARS 6" (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (28 de outubro de 2022). "Mars 6" (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Letter dated 7 September 1973 from the Deputy Permanent Representative of the Union of Soviet Socialist Republics addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space" (PDF) (73-17808). 13 de setembro de 1973: 2. Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Mars 4, 5 (Mars M73 Orbiter #1, #2)" (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Mark Wade (2023). "Mars" (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]