Marián Mouriño
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de maio de 1975 (49 anos) Madrid, España |
Presidenta Celta de Vigo | |
2023 – ← Carlos Mouriño | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Miami |
Actividade | |
Ocupación | empresaria |
Familia | |
Pai | Carlos Mouriño |
Irmáns | Juan Camilo Mouriño |
María de los Ángeles Mouriño Terrazo, coñecida como Marián Mouriño, nada en Madrid o 25 de maio de 1975,[1] é unha empresaria galega, presidenta do Real Club Celta de Vigo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla do empresario galego instalado na diáspora mexicana Carlos Mouriño, aos 4 anos marchou vivir a Cidade de México e aos 11 a Campeche. Cando tiña 14 foi estudar a secundaria a Orlando (Estados Unidos). Estudou Empresas e Administración na Universidade de Miami, e na mesma institución fixo logo un mestrado en Márketing. Regresou a Campeche durante un ano e despois foi vivir a Vigo.
De 2001 a 2004 traballou na área financeira da empresa de telecomunicacións galega Comunitel. De 2005 a 2009 traballou como directora de márketing do Real Club Celta de Vigo. En 2006 o pai, Carlos Mouriño, accede á presidencia da entidade futbolística; en 2008, dous anos máis tarde, o irmán máis vello Juan Camilo Mouriño morreu nun accidente de avión cando era ministro da Gobernación no executivo de Felipe Calderón, en México. Os cambios familiares, e a cada vez maior presenza do pai en Vigo, fixeron que Marián Mouriño volvese a México para ocuparse, a canda o seu irmán Carlos, do grupo empresarial GES, que se estende a diversos sectores coma a enerxía, a hostalaría ou a produción e distribución de alimentos. De feito, foi fundadora e presidenta executiva do grupo gasolineiro Lagas (2014-19)[2] e conselleira rexional de Banco Bilbao Vizcaya Argentaria México (2016-2019).
En 2019 regresou a Vigo como directora xeral de GES España, e asemade ía acadando máis peso na xestión deportiva do club celeste. En 2019 pasou a ser vicepresidenta, e a finais de 2023, o ano do centenario do Celta, accedeu á presidencia da entidade no canto do seu pai (o pai dimitiu a finais de setembro, cando a filla pasou a ser a presidenta en funcións; a súa confirmación terá lugar na xunta de accionistas do 12 de decembro de 2023).[3].
Foi tamén presidenta entre 2009 e 2019 da Fundación Juan Camilo Mouriño, que leva o nome do finado do seu irmán.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Filla de Carlos Mouriño, tivo dous irmáns, Carlos e Juan Camilo: este último finou nun accidente de avión cando era ministro en México.
Está casada[4] e ten tres fillos[5].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Santi Alonso (11 de novembro de 2023). "Marián Mouriño, empresaria de 48 años con don de gentes e ideas firmes". Atlántico Diario (en castelán).
- ↑ "María de los Ángeles Mouriño Terrazo". Executivas. Consultado o 2023-11-10.
- ↑ Garrido, Clemente (2023-11-10). "Marián Mouriño, nueva presidenta del Celta". Diario AS (en castelán). Consultado o 2023-11-10.
- ↑ "Marian Mouriño: mamá, empresaria y celtista de corazón". ElDesmarque (en castelán). 2019-05-30. Consultado o 2023-11-10.
- ↑ Garrido, Clemente (2023-04-21). "Marian Mouriño: “El proyecto GS360 será un referente en España”". Diario AS (en castelán). Consultado o 2023-11-10.