Marco Tullio Giordana
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de outubro de 1950 (74 anos) Milán, Italia |
Actividade | |
Ocupación | director de cinema, guionista, realizador |
Período de actividade | 1979 - |
Marco Tullio Giordana, nado en Milán o 1 de outubro de 1950, é un director de cinema e guionista italiano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A súa incursión no mundo do cinema prodúcese ao longo da década de 1970, nos que colabora no guión do documental Forza Italia! (1977) de Roberto Faenza. Dous anos despois debuta como director coa longametraxe Maledetti, vi amerò (1979), que presenta ao Festival de Cannes e gaña o Leopardo de Ouro no Festival de Locarno.
En 1980 firma o guión de Car Crash de Antonio Margheriti, e ao ano seguinte volta á dirección cun proxecto ambicioso, La caduta degli angeli ribelli, presentado ao Festival de Venecia, no cal, como na súa opera prima, teñen un papel preponderante as figuras dos terroristas.
De 1982 é a súa curtametraxe Young Person's Guide to the Orchestra, inspirada na partitura homónima de Benjamin Britten. En 1984 adapta na miniserie televisiva de dous episodios Notti e nebbie a novela homónima de Carlo Castellaneta sobre un fascista que vive en Milán no ocaso da República de Salò.
Tres anos despois volta a dirixir un novo filme, con Appuntamento a Liverpool (1987), que foi proxectada en preestrea en Venecia. A obra relata a traxedia de Heysel, cando o 29 de maio de 1985 os incidentes provocados polos hooligans do Liverpool na final da Copa de Europa de fútbol en Bruxelas causaron a morte de 39 persoas, 32 das cales, italianas.
No 1991 participa no filme colectivo La domenica specialmente, dividido en catro episodios, dirixindo o titulado La neve sul fuoco, inspirado nos relatos de Tonino Guerra. Os outros episodios foron realizados por Giuseppe Tornatore, Giuseppe Bertolucci e Francesco Barilli. En 1995 ocúpase de novo da historia italiana, con Pasolini, un delitto italiano.
En 1994 colabora na curtametraxe colectiva L'unico paese al mondo, que ofrece unha visión crítica e pesimista do futuro de Italia no caso da vitoria nas eleccións da coalición de centrodereita encabezada por Silvio Berlusconi.
En 1996 participa xunto cos directores Gianni Amelio, Marco Risi, Alessandro D'Alatri e Mario Martone no progetto da RAI e Unicef Oltre l'infanzia - Cinque registi per l'UNICEF, para o cal dirixe Scarpette bianche.
En 1998 emítese a súa contribución de tema político La rovina della patria á serie televisiva da RAI Alfabeto Italiano[1], na que 21 directores ofrecen un retrato poliédrico de Italia en telefilmes de 50 minutos elaborados a partir de imaxes de arquivo da televisión pública.
En 2000 recibe no Festival de Venecia o premio ao mellor guión por I cento passi, filme de denuncia que relata a vida e a morte do xornalista siciliano Peppino Impastato, un famoso activista contra a mafia.
En 2003 realiza o filme para a televisión La meglio gioventù, que percorre a historia italiana desde os anos 60 ata o presente, e que é premiado na sección Un certain regard do Festival de Cannes. A impoñente obra (6 horas en total) é producida pola RAI, con todo, esta pospón a súa emisión no canal Raiuno antes da súa aceptación (e premio) no Festival de Cannes, permitindo primeiro a súa saída ao circuíto cinematográfico a través da súa sociedade 01 Distribution. O filme, dividido en dúas partes distribúese en 30 salas de cinema en toda Italia cunha revolucionaria programación de dous filmes de 3 horas cada un. O boca a boca do público e as óptimas recensións da crítica dan conta do seu éxito, a pesar da longa duración. A seguir será tamén emitido pola televisión, dividido en catro episodios.
En 2005 presenta un novo filme a concurso en Cannes Quando sei nato non puoi più nasconderti, que non repite o éxito obtido con La meglio gioventù.
En 2007 dirixe o telefilme de dous episodios Sanguepazzo, o cal tamén chegará ás salas en versión cinematográfica. Este filme, con Monica Bellucci, Luca Zingaretti e Alessio Boni, un dos seus actores fetiche, narra a tráxica historia da parella de actores Osvaldo Valenti e Luisa Ferida, que obtiveron un grande éxito na Italia fascista e morreron fusilados polos partisanos.
En 2011 realiza o filme Romanzo di una strage sobre o famoso masacre de Piazza Fontana, acontecido en Boloña o 12 de decembro de 1969.
Filmografía
[editar | editar a fonte]- Maledetti, vi amerò (1980)
- Young Person's Guide to the Orchestra - curtametraxe (1982)
- La caduta degli angeli ribelli (1981)
- Notti e nebbie – filme tv (1984)
- Appuntamento a Liverpool (1988)
- La domenica specialmente – longametraxe colectiva, episodio La neve sul fuoco (1991)
- L'unico paese al mondo - curtametraxe colectiva (1994)
- Pasolini, un delitto italiano (1995)
- Scarpette bianche - mediametraxe tv (1996)
- La rovina della patria – mediametraxe tv (1998)
- I cento passi (2000)
- La meglio gioventù (2003)
- Quando sei nato non puoi più nasconderti (2005)
- Sanguepazzo (2008)
- Romanzo di una strage (2012)
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1980: Leopardo de Ouro no Festival de Locarno por Maledetti vi amerò
- 2000: Premio ao mellor guión no Festival de Cannes por I cento passi
- 2003: Premio Un certain regard no Festival de Venecia por La meglio gioventù
- 2004: David de Donatello ao mellor filme e ao mellor director por La meglio gioventù
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "In tv il ritratto dell'Italia, firmato da 21 registi", Il Corriere della Sera, 28 de maio de 1998 (en italiano).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Marco Tullio Giordana na IMDb (en inglés).