Marco Križevčanin
San Marco de Križevci | |
---|---|
Mártir | |
Biografía | |
Nacemento | 1589 en Križevci, Croacia |
Pasamento | 7 de setembro de 1619 en Košice, Eslovaquia |
Proceso de canonización | |
Beatificación | 15 de xaneiro de 1905 por Pío X |
Canonización | 2 de xullo de 1995, Košice por Xoán Paulo II |
Veneración | |
Venerado/a en | Igrexa católica |
Festividade | 7 de setembro |
Santuario principal | Trnava |
Marco Križevčanin (en húngaro: Márk Kőrösi), nado en Križevci en 1589 e finado en Kassa o 7 de setembro de 1619, foi un relixioso católico considerado santo e mártir pola Igrexa católica.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Nado nunha nobre familia croata, estudou no colexio Xesuíta de Graz, onde foi discípulo de Péter Pázmány, importante figura da contrarreforma en Hungría. Estudou na Universidade Gregoriana de Roma (1611-1615), no colexio xermano-húngaro, e ao remate foi enviado a Zagreb. Permaneceu pouco tempo nesa cidade, xa que foi chamado polo seu antigo mestre Pázmány para levar o seminario de Trnava.
A comezos de 1619 fíxose cargo da abadía bieita de Krána, nos arredores de Kassa, entón unha cidade de maioría calvinista pertencente a Hungría; el e os relixiosos Pongrácz e Melchor Grodzieck realizaron esforzos por revitalizar o catolicismo na rexión, o que provocou o enfado dos calvinistas e que os acusaron da queima da cidade que se produciu o 13 de xullo de 1619. Coincidiron estes feitos coa guerra que mantiña Gabriel Bethlen, príncipe húngaro de Transilvania e calvinista, contra o emperador. As forzas de Xurxo I Rákoczi, comandante do exército transilvano, puxeron sitio a Kosice e entraron na cidade, prendendo os tres relixiosos e o gobernador católico da cidade. O 7 de setembro, Krizevcanin foi martirizado e decapitado por non renunciar ao catolicismo.
Foi beatificado en 1905 e canonizado o 2 de xullo de 1995.