Dereitos reprodutivos

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Por dereitos reprodutivos enténdense aqueles dereitos que buscan protexer a liberdade e autonomía de todas as persoas para decidir con responsabilidade se ter fillos ou non, cantos, en que momento e con quen. Os dereitos reprodutivos dan a capacidade a todas as persoas de decidir e determinar a súa vida reprodutiva.[1]

Os dereitos reprodutivos, do mesmo xeito que os dereitos humanos, son inalienábeis e non están suxeitos a discriminación por xénero, idade ou raza.

Historia do concepto de «dereitos reprodutivos»[editar | editar a fonte]

A orixe do concepto de Dereitos Reprodutivos, no marco de Nacións Unidas e a Organización Mundial da Saúde aparece na Conferencia de Teherán de 1968 e na definición de Bucarest (Conferencia sobre Poboación de 1974) como un dereito fundamental tanto das parellas como dos individuos. A inclusión e integración da planificación familiar dentro do campo dos dereitos reprodutivos e da saúde reprodutiva prodúcese por primeira vez na Conferencia Internacional para mellorar a saúde das Mulleres e os Nenos por medio da Planificación Familiar, en Nairobi, Kenya, (5 a 9 de outubro de 1987).

O Programa de Acción da Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento, realizada no Cairo en setembro de 1994, dá esta definición dos dereitos reprodutivos:

Os dereitos reprodutivos abarcan certos dereitos humanos que xa están recoñecidos en leis nacionais, documentos internacionais sobre dereitos humanos e noutros documentos aprobados por consenso. Estes dereitos baséanse no recoñecemento do dereito básico de todas as parellas e individuos a decidir libre e  responsabelmente o número de fillos, o  espazamento dos nacementos e a dispoñer da información e dos medios para iso, así como o dereito para alcanzar o nivel máis elevado de saúde sexual e reprodutiva. Tamén inclúe o dereito para adoptar decisións relativas á reprodución sen sufrir discriminación, coaccións ou violencia, de conformidade co estabelecido nos documentos de dereitos humanos.
Programa de Acción da Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento, O Cairo, Exipto, 5–13 de setembro, 1994, Doc. da ONU A/CONF.171/13/Rev.1 (1995)

Dereitos reprodutivos e muller[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Muller.

Contextualización demográfica[editar | editar a fonte]

Historicamente a muller realizou e aínda realiza o traballo reprodutivo -que inclúe tanto a reprodución humana como os coidados e atencións que permiten a supervivencia de individuos e sociedades-.[2] En contextos históricos de alta mortalidade foi necesario manter unha alta natalidade para garantir unha substitución suficiente das poboacións.[3]

Durante a transición demográfica produciuse unha redución radical da taxa bruta de mortalidade, posteriormente produciuse unha forte redución da taxa de natalidade no que se chamou a segunda transición demográfica. A estes cambios hai que sumar outros, sociolóxicos, que afectan basicamente ao papel tradicional da muller. É neste novo contexto onde xorden as demandas de Dereitos Reprodutivos xa que o enorme crecemento demográfico e o cambio de mentalidade permitirían o seu exercicio.[4][5] A esta situación hai que sumar os avances e difusión dos métodos anticonceptivos. O esforzo reprodutivo realizado polas mulleres redúcese xa que a supervivencia dos individuos permitiría reducir substancialmente o número de fillos. Nas sociedades modernas dáse unha alta eficiencia reprodutiva que libera a muller de boa parte do traballo que desenvolvía tradicionalmente e permítelle incorporarse ao mercado de traballo modificándose substancialmente as relacións sociais antes estabelecidas e advertíndose cambios substanciais: declive do traballo reprodutivo, derrubamento do patriarcado, privatización da sexualidade e redución do control social sobre a sexualidade; desaparación da punibilidade das relacións sexuais non reprodutivas; alto control sobre a procreación co uso de métodos anticonceptivos e apoio interxeneracional moi amplo a fillos e netos, reforzamento dos lazos familiares profundos; aumento dos anos vividos ou madurez de masas; centralidade da familia e reforzamento dos lazos e importancia desta.[6][7]

Dereitos reprodutivos[editar | editar a fonte]

Algúns dos Dereitos reprodutivos son os seguintes:

  • Autonomía e autodeterminación do propio corpo.
  • Á vida.
  • Á procreación.
  • Á saúde reprodutiva.
  • A informarse medicamente e adecuadamente sobre a reprodución humana, sen censura política nin relixiosa.
  • Ao acceso aos servizos sanitarios de saúde reprodutiva e de planificación familiar, como parte do sistema público de saúde.
  • Ao acceso aos avances científicos en materia de reprodución.
  • A decidir sobre a reprodución sen sufrir discriminación, coerción ou violencia.
  • A interromper o embarazo nos casos en que a lei o permita.

Formarían parte dos dereitos reprodutivos o dereito a escoller libremente a parella sexual así como concertar libremente o matrimonio; a planificación familiar para decidir sobre a reprodución, o acceso aos métodos anticonceptivos. Tamén son derivados dos dereitos reprodutivos o dereito da muller a non ser despedida por motivo do seu embarazo, e o dereito á baixa maternal paga.

Nalgúns estados (España e outros estados de Europa) recoñécese tamén o dereito a baixa por paternidade, posto que se entende que nas primeiras semanas a muller, aínda sen traballar, pode non ser quen de facerse cargo da súa casa e do seu fillo soa, e o nacemento dun fillo é responsabilidade de ambos os pais.

Vulneración dos dereitos reprodutivos[editar | editar a fonte]

Neste sentido, os dereitos reprodutivos vulnéranse nas sociedades nas que existen os matrimonios concertados, as mulleres non teñen dereito a permanecer solteiras, nin a elixir marido, nin a separarse del. En Afganistán, colectivos de mulleres loitan actualmente contra a lei que permite a violación dentro do matrimonio, dando dereito ao marido a manter relacións sexuais coa súa esposa sempre que el queira. Con todo, non se considera que hai violación dos dereitos reprodutivos cando unha sociedade non recoñece o dereito ao aborto voluntario. Isto débese a que non existe un "dereito humano a abortar" nin tampouco unha prohibición absoluta, dependendo esta cuestión dos ordenamentos xurídicos internos dos Estados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Un nuevo consenso sobre población: balance y propuestas en el umbral del siglo XXI (en castelán). Icaria Editorial. ISBN 9788474264913. 
  2. Véxase Silvia Federici, Calibán y la bruja, Mujeres, cuerpo y acumulación originaria, 2012, Traficantes de sueños, páx. 130 e ss.]
  3. La tercera revolución de la modernidad. La revolución reproductiva Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. Revista Española de Investigaciones Sociológicas (Reis) N.º 122, 2008, pp. 89-118, páx. 109-114
  4. "La Segunda Transición Demográfica en Van de Kaa y Lestahege". 
  5. Van de Kaa, D. J. (2002). The Idea of a Second Demographic Transition in Industrialized Countries. Paper presented at the Sixth Welfare Policy Seminar of the National Institute of Population and Social Security, Tokyo, Japan, 29 January 2002.
  6. [The reproductive revolution Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., John MacInnes e Julio Pérez Díaz, Sociological Review, 57, 2009 páxs. 262-284.[1]
  7. Bryant Robey, Shea O. Rustein y Leo Morris, The fertility decline in developing countries, en Scientific American, 269 (6), decembro de 1993, páx. 60

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

En español
En inglés