María Espinosa de los Monteros
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de maio de 1875 Estepona |
Morte | 13 de decembro de 1946 (71 anos) Alacant, España |
Actividade | |
Ocupación | activista, política, activista polos dereitos das mulleres, executiva |
María Espinosa de los Monteros e Díaz de Santiago, nada en Estepona (Málaga) o 13 de maio de 1875 e finada en Alacant o 13 de decembro de 1946, de nome real María Ana Espinosa Díaz, foi unha empresaria e activista polos dereitos civís e políticos das mulleres. Foi cofundadora da Asociación Nacional de Mujeres Españolas, que presidiu até 1924. Entre 1898 e 1921 dirixiu a delegación en España da casa de máquinas de escribir Yost. Foi designada por Miguel Primo de Rivera en 1926 como edil no concello de Segovia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Segundo o Rexistro Civil, María Ana Espinosa Díaz naceu ás 5 da mañá o 13 de maio de 1875 en Estepona (Málaga), filla de Antonio Espinosa Aguilar e de Juana Díaz Martín. Sabendo isto, pódese deducir que ela engadiu posteriormente "de los Monteros" ao seu primeiro apelido e "de Santiago" ao segundo, pois durante o século XIX e os inicios do século XX resultaba sinxelo cambiar e modificar os apelidos. O número 26 da rúa Real, lugar do nacemento, foi o seu fogar durante os primeiros anos, até que se trasladou a Madrid cos pais sendo xa adolescente.
En 1895 María viaxou a Francia e mais a Inglaterra, onde descubriu sistemas empresariais inclusivos coas mulleres. Interesouse por introducir en España as máquinas de escribir Yost, fabricadas nos EUA, pois consideraba que a mecanografía podería proporcionar emprego e formación a moitas mulleres novas. En 1898, con 22 anos, converteuse na directora da Casa Yost, recentemente creada en Madrid.
A mediados da década de 1910, unhas catro mil mozas aprenderan mecanografía na academia da empresa, un feito destacado na historia do feminismo en España. O labor de Espinosa na promoción da educación e a cultura nas mulleres valeulle en 1915 a Cruz da Orde Civil de Afonso XII, do Ministerio de Instrucción y Bellas Artes, nunha proposta de Emilio Mª de Torres. En 1916 participou no II Congreso Internacional de Ciencias Administrativas, celebrado en Madrid. Neste congreso, amais de facer de intérprete, estivo ao cargo dunha sección sobre as aplicacións da mecanografía na documentación burocrática.
O seu espírito empresarial leváraa en 1911, xunto a Ana Picard, a iniciar os trámites para a comercialización de “Aguas de Morataliz”, que foi autorizada en 1915. A calidade das augas era tal que mesmo se empregaban nos hospitais da Beneficencia Provincial de Madrid. O ano seguinte, María foi elixida por unanimidade vogal da Asociación de Propietarios de Balnearios y de Manantiales de Aguas Minero-medicinales de España.
En outubro de 1918, na súa casa da madrileña rúa Barquillo 4, cofundou a Asociación Nacional de Mujeres Españolas, que presidiu até 1924. Entre as asociadas estaban Benita Asas Manterola, Clara Campoamor, Elisa Soriano, María de Maeztu, Julia Peguero ou Victoria Kent.[1] María redactou persoalmente o Programa da asociación a prol dos dereitos civís e políticos das mulleres.
O 22 de xaneiro de 1920 deu a conferencia “Influencia del feminismo en la Legislación Contemporánea” na Real Academia de Jurisprudencia y Legislación.[2] Un mes despois pronunciou “La Emancipación de la Mujer” no Ilustre Colegio de Abogados de Barcelona. En outubro dese ano, Espinosa deixou os seus cargos nas directivas da Asociación Nacional de Mujeres Españolas, sendo substituída por Benita Asas,[3] e do Consejo Supremo Feminista de España.
A partir da Segunda República Española, María practicamente desaparece da vida pública. Especulouse con que a irrupción na política de mulleres máis reivindicativas, como Victoria Kent ou Clara Campoamor, contribuíse a desprazar a María, de posturas máis moderadas, a un segundo plano. Con todo, semella que a causa máis probábel é a dedicación de María Espinosa ao coidado dos fillos.
Malia que as datas semellan ser confusas, o traslado de María a Alacant foi probabelmente por recomendación do doutor Jiménez Díaz, prestixioso médico do momento. María, quen sufría bronquiectasia, mercou a leira El Pantanet e pasou os seus últimos anos alí, até o seu pasamento o 13 de decembro de 1946.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]María casou en 1905 co avogado Antonio de Torres Chacón. O matrimonio, que tivo dous fillos, Antonio (1907 ou 1908-1991) e Álvaro (1910-1959), divorciouse en 1911.[4] O avogado emigrou a Arxentina, onde atopou traballo, e nunca regresou a España. En consecuencia, María fíxose cargo dos dous rapaces. Contou coa axuda de Ana Picard, compañeira de negocios e administradora dalgunhas empresas conxuntas.
Premios e distincións
[editar | editar a fonte]- Cruz da Orde Civil de Afonso XII polo Ministerio de Instrucción y Bellas Artes en 1915. Outorgoulle o tratamento de Excelentísima Señora.[5]
- Filla Predilecta de Estepona o 27 de decembro de 1920. A rúa Ancha de Estepona, onde vivira durante un tempo, leva hoxe o seu nome.
- A sociedade obreira “La Benéfica Carloteña” de Vallecas nomeouna Presidenta Honoraria o 20 de abril de 1916.
Premios María Espinosa de los Monteros
[editar | editar a fonte]Este galardón foi creado polo Ministerio de Cultura, mediante Orde de 13 de setembro de 1978, e derrogado por Orde de 25 de xuño de 1984.[5] O seu obxectivo era:
“(...) galardonar los mejores trabajos científicos y periodísticos que traten la situación jurídica, social, laboral y cultural de la mujer en España, así como los referidos a su integración y equiparación en la actual sociedad".[6]
Algúns dos traballos galardoados foron:
- En 1978, La actuación de la mujer en las Cortes de la II República, por Esperanza García Méndez.
- En 1980, El trabajo y la educación de la mujer en España, por Rosa Mª Capel Martínez.
- En 1983, Liberalismo, marxismo y feminismo, por Carmen Elejabeitia Tavera.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Moliné Escalona, Miguel. "Primeros pasos. El voto femenino en España". almendron.com (en castelán).
- ↑ Espinosa de los Monteros, María (1920). "Influencia del feminismo en la Legislación Contemporánea". Real Academia de Jurisprudencia y Legislación 39: 30.
- ↑ Nash (2004), pp. 139-140
- ↑ Enrique Benitez Palma (10 de marzo de 2017). "María Espinosa de los Monteros: feminista y coherente. - La tribu". La tribu (en castelán). Consultado o 23 de maio de 2018.
- ↑ 5,0 5,1 F.J. Alberto. "María Espinosa". Consultado o 12 de abril de 2016.
- ↑ "María Espinosa de los Monteros y Díaz de Santiago. Estepona 1875- Alicante 1946" (en castelán). Consultado o 23 de maio de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Nash, Mary (2004). Mujeres en el Mundo (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 8420642053.